Ponte Caldelas serve 1.500 racións na súa 51ª edición da Festa da Troita
Un total de 1.500. Estas serán as racións que o municipio de Ponte Caldelas servirá, en maio, con motivo dunha nova edición da súa recoñecida Festa da Troita. Declarada de interese turístico autonómico, o evento encara agora os seus últimos preparativos, en función dos datos achegados desde o Concello.
Así, está pechado o calendario de degustacións deste peixe de río, o que supón un total de 25 paradas noutras tantas vivendas do rural do municipio. Esta rolda comeza o día 2 de maio e poderá gozarse ata o 26, xornada que dará paso –nas dúas seguintes- á aplaudida festa gastronómica que vén celebrándose durante décadas.
Cabe sinalar que a través das degustacións no rural, a festa trata de achegarse aínda máis ás veciñas e veciños. Neste sentido, durante o evento culinario manterase o prezo de tres euros por ración, incluídos o pan e o viño no menú.
Deste xeito, as degustacións arrincan o 2 de maio na Reigosa e continúan así: A Insua , día 3; A Roca, 4; Taboadelo, 5; Forzáns, 6; Anceu, 7; Barbudo, 8; A Esfarrapada , 9; Laxoso, 10; Parada, 11; Cuñas, 12; Silvoso, 13; Baltar,14; Tourón, 15; Chaín, 16; Paradela e Gradín, 17; Pazos, 18; Vilarchán, 19; Fraga e Caritel, 20; Buchabade, 21; Mirón, 22;Rebordelo e Coveliño, 23; Contixe, 24, Regodobargo, 25 e Xustáns, 26.