Pontevedra en Semana Santa, unha experiencia que ninguén se quere perder
A provincia de Pontevedra continúa sendo unha aposta segura para gozar dunha Semana Santa memorable en Galicia. A ocupación hostaleira durante as vacacións superou as previsións iniciais, alcanzando unha cifra final do 68,3 % fronte ao 62 % previsto pese ao mal tempo, tras o mes de marzo con máis precipitacións do últimos dez anos. Así o destacou hoxe en rolda de prensa a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que engadiu ademais que a ocupación media provincial foi 3 puntos superiores á obtida o mesmo mes do ano pasado.
Este resultado é inferior ao logrado en 2017, cando a ocupación hostaleira alcanzou o 85 % da súa capacidade, pero a climatoloxía anunciada, con borrascas e nevadas en toda a provincia, sumado ao temperán da celebración da Semana Santa este ano, facían presaxiar resultados moito peores. É por iso que a valoración final é positiva, segundo recalcou Carmela Silva, debido a que se superaron as previsións en máis de seis puntos.
Caldas e Pontevedra, dous destinos solicitados
Se atendemos á desagregación por comarcas, en Pontevedra e O Morrazo superáronse as previsións iniciais, cunha ocupación do 83,5 % e o 59 % respectivamente (prevíase unha ocupación do 65 % e o 44 % polo mal tempo). As cifras foron lixeiramente peores ás do 2017 en Pontevedra (cun 83,5 %), e con diferenzas máis acusadas no Morrazo, onde o ano anterior alcanzásese unha ocupación do 83 % grazas á climatoloxía propicia.
Noutras zonas da provincia practicamente mantívose a ocupación hostaleira do ano pasado. É o caso de Caldas, onde se obtivo un 85 %, só tres puntos por baixo das cifras conseguidas cunha previsión meteorolóxica moito máis atractiva. Ao contrario, Vigo e O Salnés non superaron as estimacións (do 61 % e o 46 % respectivamente), conseguíndose na contorna da cidade olívica un 58,13 % e un 46 % na comarca do Salnés.
O Baixo Miño, O Condado e A Paradanta superan as previsións
Fronte ao 54 % previsto, O Baixo Miño alcanza unha ocupación media do 65 %, unha cifra positiva a pesar de non superar o 82 % de 2017. É o mesmo caso que O Condado e A Paradanta , que obtiveron 40 puntos máis do esperado, igualando os resultados do 80 % do ano pasado. As comarcas de Deza e Tabeirós–Terra de Montes superan tamén as estimacións iniciais en dez puntos e conseguen unha ocupación hostaleira do 70 %, só un 10 % menos que en 2017.
En canto ao turismo rural, a ocupación final nesta semana Santa das diferentes opcións de aloxamento ao longo da provincia foi do 47,52 %, unha cifra inferior ás previsións, que se situaban en torno ao 60 %. Esta cifra ademais atópase por baixo do alcanzado no 2017, cando os establecementos da contorna natural conseguiron unha ocupación do 70 %.
Un mes de marzo mellor que o de 2017
Aínda que os resultados en xeral en Semana Santa foron inferiores aos conseguidos o ano pasado durante o mesmo período, aínda que superiores ao estimado, o certo é que o mes de marzo foi mellor que o mesmo mes de 2017. Así, a ocupación media provincial foi tres puntos por encima da obtida en marzo de 2017, cunha 43 % fronte ao 40 % do ano anterior.
Este é o mesmo caso que o do turismo rural, cunha ocupación durante este mes de marzo de 2018 de máis de trece puntos por encima das cifras alcanzadas en marzo de 2017. Así o pasado mes conseguiuse unha ocupación rural da 23,11 % fronte ao 10 % do mesmo mes do ano anterior, o que denota un notable crecemento do interese do público por este tipo de alternativa hostaleira.