“Ven Ás Rías Baixas” é a nova campaña da Deputación para reactivar o turismo na provincia de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra lanza “Ven”, a nova campaña de reactivación turística presentada hoxe pola presidenta provincial Carmela Silva, acompañada pola cantante Najla Shami, “a voz e o rostro que conduce un audiovisual que toca as emocións”. O vídeo, que tamén desenvolve os hastag “Ven a Rías Baixas, Ven a Pontevedra Provincia”, se dirixe directamente ás persoas visitantes “porque chegou o momento de que veñades”, lles garante un destino “absolutamente seguro”, lémbralles que durante a crise “estivemos a coidar este regalo para ter unha provincia aínda mellor”, e pídelles que “agora si, sigan o seu instinto e desfruten dun sitio e dunhas xentes máxicas”.
Bosques, rías, praias, viñedos, fervenzas, faros, pazos e castelos da provincia se unen neste novo audiovisual sobre o que Carmela Silva sinalou “que deixa claro que se queres coñecer e vivir un destino de natureza, fermoso, cunha riqueza patrimonial e unha gastronomía incribles, hai que vir a Rías Baixas, a Pontevedra Provincia”. A presidenta sinalou que esta campaña ten que entenderse tendo en conta o que fixo a Deputación desde o principio da crise sanitaria.
“Toda a nosa acción adaptouse ao novo escenario como a campaña “Viaxa mañá” cunha mensaxe de responsabilidade, pensando na seguridade, animando a que aprazasen as súas viaxes, e dicíndolles que nese tempo de peche estabamos a gardar e coidar todos os nosos tesouros para que estiveran aínda mellor cando o turismo puidese volver. E agora, chegou ese momento”.
“Ven” continúa a estela de “Sigue o teu instinto”, a campaña “que precisamente aposta polo turismo que agora máis se demanda, de natureza, sostible, non masificado e vinculado á cultura. De feito temos toda a programación preparada para que as persoas visitantes tamén poidan desfrutar dela”, dixo a presidenta. Está dirixida ao turismo nacional e do norte de Portugal “e con esta liña de novo aliñámonos coa estratexia da Secretaría de Estado de Turismo, desde o inicio da pandemia, de fomentar o turismo de proximidade. Tamén adaptamos a nosa mensaxe aos retos da Organización Mundial de Turismo sobre sustentabilidade, crecemento ético e seguridade”.
Unha embaixadora de luxo
Najla Shami é a cantante que pon voz e rostro á campaña, amais de que a banda sonora do audiovisual é un dos seus temas. Ela percorre a provincia animando a visitar Rias Baixas, e como dixo Carmela Silva “é unha das voces máis representativas da cultura en Galicia, a perfecta embaixadora da provincia coa música, coa palabra e co seu compromiso coa terra”. Shami mostrou o seu orgullo por participar. “É un enorme pracer. Estou namorada desta provincia. Galicia comprende moi ben a multiculturalidade porque a viviu na súa pel. A súa xente é máxica, especial, única e distinta a todos os seres do planeta. O turismo ten que vir e desfrutalo”.
Propostas de “Escapadas”
Xunto ao audiovisual, as redes ofertarán propostas de “escapadas”, amais doutras experiencias e actividades que poden facer durante a súa estadía. Son 13 escapadas, que se poden facer nun día o en varios combinando varias delas, sete pola costa e seis polo interior chegando a todas as comarcas e invitando a desfrutar dos seus atractivos. Na costa hai propostas na Ría de Arousa, a de Pontevedra e a de Vigo ou O Morrazo; e no interior a beira do río Miño, desde o Condado ata O Rosal; a zona do Deza e Terra de Montes; a comarca de Caldas, ou a de Fornelos e Pazos de Borbén.
A campaña conta xa cun ambicioso plan de promoción que se prolongará ata finais de ano cun investimento de 116.000 euros. Irá dirixida a persoas de entre 35 e 60 anos e tamén a turismo familiar que viven en contornas de cidades ou áreas urbanas de máis de 50.000 habitantes. “Queremos chegar –asegurou Carmela Silva- a 12 millóns de persoas e captar ao público interesado en turismo cultural e de natureza, os produtos máis buscados e demandados polas persoas que se interesan polo noso destino”.
Respecto ás accións, a presidenta detallou que a campaña terá incidencia en medios online e off line, “pero apostando pola dixitalización na liña seguida pola Rede de Destinos Turísticos Intelixentes da que somos membros da executiva”. Deste xeito, “os medios online permitirán que teñamos información fundamental para tomar decisións acertadas, como poder medir en tempo real as campañas o que nos axuda a tomar medidas adecuadas, segmentación xeográfica e a ter así un impacto directo no target de público que buscamos”. En canto aos medios off line, insertaranse “vídeos onde imos amosar imaxes moi impactantes, fixando a nosa imaxe de marca cunha versatilidade de formatos que nos vai permitir poder chegar á xente”.
A campaña desenvolverase no verán (ata o 16 de agosto), e en outono (1 de setembro ao 13 de decembro). Na primeira fase, con impacto en Galicia, no resto do estado e en Portugal, as accións van estar dirixidas a ter presenza en redes sociais, reach media e revistas especializadas, así como na SmartTV, empregada por máis de 10 millóns de españois, nas principais plataformas.
Pola súa banda, a segunda fase no outono, centrarase en zonas estratéxicas para captar visitantes como Madrid, País Vasco, Asturias e Castela a Mancha. Neste caso, “estará moi centrada en produtos de turismo cultural e de natureza e faranse en medios nacionais e redes sociais con iniciativas de cara as pontes, cando a xente fai pequenas escapadas”.