A Deputación de Pontevedra enche este verán de cultura os Castelos de Sobroso e Soutomaior
Saír, respirar e vivir plenamente a cultura, a natureza e o deporte. Despois da Covid e do confinamento, a Deputación de Pontevedra invita á cidadanía a desfrutar dunha intensísima programación de máis dun centenar de actividades culturais, sustentables e deportivas coas que enche a provincia este verán. A presidenta Carmela Silva presentou hoxe o calendario para xullo, agosto e setembro nos que a institución levará ao territorio concertos, obradoiros, rutas BTT, andainas e actividades integradas nos programas culturais Música no Ar, Re-Acción nos Castelos, Musigal e no programa Vive Deporte.>.
A presidenta da Deputación mostrou o seu orgullo ante "esta axenda de actividades" e ironizou dicindo que a xente "non vai ter un día para parar". Carmela Silva sinalou que "tiñamos moi claro que despois do confinamento queríamos dar unha resposta potentísima de actividades á cidadanía e tamén ás persoas que nos visiten". De feito, "non se trata só de promoción cultural ou deportiva, é un modelo de atracción tanto para as pontevedresas e pontevedreses como galegas e galegos e outros/as visitantes".
Os novos programas "Re-acción nos Castelos"e "Música no Ar" achegarán preto de 30 actuacións aos concellos entre xullo e setembro. "Re-acción nos Castelos" arranca en Sobroso o xoves 23 de xullo ás 22 horas con "Noite no Castelo" e a acción multidisciplinar de música, danza, videoproxeción e instalación artística "Límites".
Actividades do mes de xullo
O venres 24 de xullo ás 22 horas terá lugar outra nova actividade de "Noite no Castelo", neste caso en Soutomaior, con "As Hurdes" de Vertixe Sonora, unha acción multidisciplinar de música clásico-electrónica, poesía e cinema.
O xoves 30 entre as 17 e as 19 horas o Castelo de Soutomaior acollerá unha actividade de "Creando no xardín", dirixida á rapazada, que consistirá nunha instalación artística colaborativa. Ese mesmo día, tamén en Soutomaior pero ás 19.30 horas, terá lugar un concerto dirixido ao público infantil denominado "A banda das apertas".
E xa para pechar o mes de xullo, o venres 31 entre as 17.30 e as 19.00 horas Sobroso acollerá un obradoiro artístico de arquitectura e castelos para nenas e nenos enmarcado en "Creando no xardín".
Actividades do mes de agosto e setembro
A programación para agosto continúa con outras cinco actividades, comezando o 6 de agosto ás 18.00 en Soutomaior co contacontos "Nin príncipes nin princesas" a cargo de Bea Campos. Ese mesmo día, ás 19.30 horas, terá lugar "Permodus", unha acción de danza contemporánea enmarcada en "Danza no castelo".
O venres, 7 de agosto ás 19.30 horas en Sobroso terá lugar un concerto de "Falúa" e, no mesmo recinto pero o mércores 12 de agosto ás 17.30 horas o contacontos "Nin príncipes nin princesas" con Cristina Collazo.
Péchase agosto con "Inversa Teatro", enmarcado en "O teatro ven de visita" coa acción escénica "Té con Kant" o xoves 13 ás 19.30 horas en Soutomaior.
Xa en setembro, o venres 11 ás 19 horas, "Os Quinquilláns" farán unha acción escénica no Castelo de Sobroso e "Re-acción nos castelos" péchase o xoves 17 de setembro ás 19 horas co concerto de "Vero Rilo & Sonsoles Penadique". Para todas as actividades será obrigatorio o uso da mascarilla e a inscrición previa en cultura@depo.es.
"Música no Ar"
"Música no Ar" desenvolverá ata setembro 14 concertos con todas as medidas de seguridade. Serán abertos ao público ata completar o aforo e non será necesaria inscrición, salvo nos casos dos castelos para os que haberá que enviar correo electrónico a cultura@depo.es.
O arranque terá lugar o 28 de xullo ás 19 horas no Castelo de Soutomaior, coa sección de corda da Orquestra Clásica de Vigo "cunha programación – tal e como explicou Carmela Silva- baseada na obra de E. Grieg, E. Elgar e G. Holst da man do director Manuel Martínez Álvarez –Nava".
Continuará o xoves 30 de xullo ás 21 horas no Estaleiro de Bueu da man de "Son Trío" e, xa en agosto, terán lugar actuacións no Castelo de Sobroso, coa Orquestra Filharmónica de Pontevedra o martes 11 ás 19 horas; na Fábrica de Salga do Grove coa Orquestra Clásica de Vigo o venres 7 ás 21 h.; na Prazo do Reló da Guarda coa Orquestra 430 de Vigo o mércores 5 ás 20 h.; no Aserradoiro dos Carranos Praia Fluvial Maceira de Covelo coa Orquestra Filharmónica de Pontevedra o domingo 9 ás 20 horas; no Pazo de Liñares de Lalín con Alejo Amoedo & Iria Cuevas o xoves 6 de agosto ás 20 horas e na Carballeira de Caldas coa Orquestra Clásica de Vigo o domingo 16 ás 20 horas. Está pendente de pechar data co concello, tamén para agosto, un concerto da Orquestra Filharmónica de Pontevedra no Mosteiro de Poio.
En setembro, terá lugar un concerto da Orquestra 430 de Vigo no Mosteiro de Aciveiro en Forcarei o sábado 12 de setembro ás 19 horas e o domingo 20 de setembro ás 18 horas no Mosteiro de Carboeiro de Silleda actuará Brais González e Beatriz Arenas.
Están pendentes de pechar datas cos concellos concertos nos Xardíns do Arquivo Histórico de Baiona a cargo da Orquestra 430 de Vigo, nos Pendellos de Agolada da Orquestra Filharmónica de Pontevedra e no Castelo Dona Urraca de Salvaterra da Orquestra Clásica de Vigo.
No que respecta ao programa "Musigal" xa están confirmados este verán máis de 40 concertos e actuacións nos concellos da provincia