Revenidas 2017, un mosaico musical de culturas do mundo
Do 18 ao 20 de agosto, polos escenarios do Festival das Linguas de Revenidas pasarán grupos como La Pegatina, Riot Propaganda, Terbutalina, Skindred ou Bohemian Betyars; así como catro bandas lideradas por mulleres, como Bolboreta, De Vacas, Pupil·les ou Voodoo, entre outros. En total, son máis de 25 actuacións dos estilos máis diversos, que congregarán a miles de persoas na vila mariñeira de Vilaxoán, no concello de Vilagarcía de Arousa. Os concertos complétanse coa Feira Revenida de artes e cultura, unha gala solidaria a favor de Pallas@s en Rebeldía e a gran sardiñada popular que deu orixe ao festival.
Revenidas ofrece unha programación musical diversa, con concertos en diferentes linguas do mundo e de estilos musicais dispares
O festival dispón de dous escenarios nun recinto pechado para os concertos de pagamento, o Escenario Mahou e o Escenario Deleite. Ademais, conta cun amplo espazo de acceso libre na contorna do porto, ao redor do edificio da Praza de Abastos, onde terán lugar actividades gratuítas para todos os públicos. Haberá pasacalles, música tradicional, acústicos e melodías para as e os máis pequenos da familia. Máis información sobre o programa completo: http://www.revenidas.com/
O Festival Revenidas forma parte do oito eventos agrupados baixo a marca Festivais Rías Baixas. Desde o 2003, ano da súa primeira edición, non deixou de crecer canto a actividades e público, grazas a súa aposta por combinar a música galega con bandas destacadas internacionalmente. O ano pasado rexistrou unha asistencia de 15.000 persoas. #RíasBaixasFest