Samil, entre as dez mellores praias para gozar do atardecer
Os seráns nas Rías Baixas son un auténtico espectáculo natural incomparable que esperta o interese dos medios especializados en turismo. O último en recomendar a experiencia de admirar a caída do sol na costa da provincia de Pontevedra foi El Viajero, suplemento do diario El País, que sitúa a Samil entre as dez mellores praias de España para gozar da despedida diaria do astro rei.
O litoral das Rías Baixas ofrece numerosos miradoiros para observar o atardecer pero a revista destaca que, desde a praia viguesa por excelencia, pode divisarse "o disco solar xogando entre unhas Illas Cíes que parecen tocarse cos dedos". Ademais, lembra que Samil é o "parque urbano" da cidade, onde pasean miles de viguesas e vigueses que acoden a gozar tanto do areal os días de altas temperaturas como das súas zonas de lecer e establecementos de hostalería. Os postos do mercado son outro elemento que destaca El Viajero.
O suplemento situou no último mes outras dúas praias das Rías Baixas nos primeiros postos de diferentes clasificacións nacionais. O 24 de maio incluíu Melide, un dos sete areais con bandeira azul en Cangas, entre os vinte máis "alucinantes" de toda España. Resalta a súa proximidade ás Illas Cíes, e a súa "area de cor nata, augas xélidas e piñeiros". A iso engade que a súa remota localización garante a ausencia de aglomeracións, e recomenda a experiencia de camiñar ata Punta Subrido.
Melide (Cangas) é un dos areais máis "alucinantes" de España; e Panxón (Nigrán), unha "praiaza" no top das que estrean bandeira azul
Outra das apuntadas como top é Panxón, unha das dez marabillosas praias que estrean bandeira azul. O 10 de maio a revista defínea como "un quilómetro de ben amoblado paseo marítimo, xunto a area dourada e fina, sempre espazosa e de forma semicircular". El Viajero refírese a Panxón como "unha praiaza" e lembra que en toda a contorna está ambientada a novela detectivesca A praia dos afogados, de Domingo Villar, que conta tamén cunha versión cinematográfica.