Seis días de poesía no Kerouac, entre Nova York e Vigo
O Festival Kerouac é un encontro poético que se celebra entre dúas cidades. A cidade de Nova York acolle o evento no mes de abril, mentres que a cidade de Vigo o fai no de outubro. Este ano chega á súa sétima edición cun cartel excepcional para as e os amantes desta arte. O obxectivo é encher as rúas da cidade olívica de pequenas performance e envolver as súas cidadás e cidadáns desta arte.
Para iso, do mesmo xeito que ocorre con calquera outro festival, trouxo a artistas de todo o mundo a esta festa que pasa dos catro días do ano pasado aos seis deste, confirmando o seu auxe e dinamizando aínda máis o tipo de eventos urbanos que se están realizando na cidade.
Durante o festival vanse organizar accións poéticas polas rúas da cidade, como flashmobs, recitais na rúa, vermús poéticos, poesía nos institutos, exposición poetógrafa e poemóbil
Entre as e os artistas presentes nesta tempada destaca a asistencia de Marina Oroza e Sheri-D Wilson. A madrileña Marina Oroza é unha actriz, performer e poeta con traballos para cinema e televisión ás súas costas e tres libros de poesía publicados entre 1997 e 2013, entre outras colaboracións. A súa presenza está preparada para o sábado 21 na sesión das 19 h. Nesa mesma sesión tamén está programada a actuación de Sheri-D Wilson. A artista e activista canadense chega a Vigo dous anos despois de obter o seu último premio en Artes pola cidade de Calgary en 2015. O seu currículo desborda dinamismo, con 9 publicacións poéticas máis outros traballos entre actuacións, edicións ou colaboracións, e nada menos que outros 9 galardóns en diferentes certames.
En canto ao resto da programación, destacan accións poéticas polas rúas da cidade, como flashmobs, recitais na rúa ou vermús poéticos, e mesmo poesía nos institutos entre outras actividades.
A inauguración realizarase o día 18 ás 19:30 h na cafetería de El Corte Inglés coa presentación do libro Latexo Beat, compilación de traballos de todas e os aqueles artistas que participaron en diferentes edicións deste festival.