Seis símbolos industriais de Rías Baixas na palma da man
O patrimonio industrial das Rías Baixas atesoura un gran potencial turístico e desde agora conta cunha ferramenta de promoción baseada nas novas tecnoloxías. A Deputación de Pontevedra e seis concellos acaban de poñer en marcha na provincia o proxecto europeo Industriana, que arrinca con seis símbolos industriais e etnográficos deste destino: o Centro de Interpretación da Conserva da Illa de Arousa (antiga Fábrica Goday), o Museo da Salga do Grove, a Fábrica de Hidrocarburos Laforet en Soutomaior, a Fábrica da Luz de Segade en Caldas de Reis, os Muíños de Folón e de Picón no Rosal, e o Muíño de Cobián en Silleda.
Mediante códigos QR en paneis situados na contorna destes bens patrimoniais é posible obter información a través do teléfono móbil. “É fundamental poñer en valor os nosos recursos en sintonía coas demandas das e dos turistas do século XXI. Empezamos con estes seis recursos e abrimos a posibilidade a todos os concellos de ata 20.000 habitantes a facilitarnos as súas propostas para sumarse ao proxecto Industriana”, explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, nun acto realizado no Pazo provincial con autoridades municipais de Caldas de Reis, A Illa de Arousa, O Rosal, Silleda e Soutomaior.
Os códigos situados na contorna destes bens permitirán acceder á información en tres idiomas e a contidos multimedia
Os códigos permitirán acceder á información en tres idiomas (castelán, galego e inglés), ademais de formar parte dunha newsletter europea de promoción destes recursos, de modo que de forma automática 2.000 subscritores especializados coñecerán este patrimonio de Rías Baixas e contribuirán a divulgalo.
Unha web específica vinculada ao proxecto promoverá e difundirá os lugares integrados na rede e as noticias de interese tanto para o público como para empresas relacionadas co turismo que queiran poñer en marcha ofertas ao redor da ruta.
A rede Industriana creouse en 2015 e nela participan España, Italia, Bélxica, Malta e Hungría. A través desta iniciativa promóvese o turismo industrial, centrándose no rural, sinalizando os recursos a través dun panel da E-Faith (Federación Europea de Asociacións do Patrimonio Industrial e Técnico) asociado a un código QR que contén información e contidos multimedia.
Plan estratéxico de Turismo
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra profunda na estratexia de incorporar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na promoción dos recursos turísticos , tal e como marca o Plan estratéxico de Turismo.
Ademais, o proxecto está intimamente ligado á campaña de promoción “Somos historias” da institución provincial e Turismo Rías Baixas. “Estamos a divulgar todos os aspectos patrimoniais da provincia, desde o arqueolóxico ao cultural, etnolóxico, natural e industrial ”, apostila Carmela Silva.
As comunidades máis interesadas no turismo industrial son Madrid, Cataluña e Andalucía, precisamente as que achegan maior número de persoas visitantes á provincia de Pontevedra.