Sete secretos de Cíes que a revista de Ryanair conta ás e aos seus lectores
As chamadas polas romanos "Illas dos deuses" gardan moitos segredos, e o blog Into the Blue, da compañía aérea de baixo custo Ryanair, revela algúns ás e aos seus lectores. Nun artigo titulado "Vigo ao descuberto. Sete cousas que non sabías sobre as Illas Cíes", a revista de viaxes destaca as praias de augas cristalinas con fina area cor marfil deste tesouro natural, e expón os grandes atractivos que converten o arquipélago nun destino ideal.
Ademais, o texto lembra que a xoia da coroa do Parque Nacional Illas Atlánticas está a un voo rápido de Reino Unido, o que coloca as paradisíacas illas a tiro de pedra das viaxeiras e viaxeiros británicos, e tamén das e dos irlandeses. A compañía voa desde Edimburgo a Vigo e ofrece unha conexión desde Dublín, ademais de operar desde o aeroporto olívico rutas a Milán e Bolonia.
Praias idílicas
O artigo destaca que nas Illas hai nove praias idílicas, entre as que ocupa o lugar de honra Rodas, é cualificada en 2007 polo diario The Guardian como a mellor do mundo. A súa longa franxa de area branda bicada polas augas cristalinas non deixa lugar a dúbidas, segundo explica o blog de viaxes, de por que é cualificada frecuentemente como unha praia "caribeña". O arquipélago pertence ademais ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, un dos 15 existentes en toda España.
Saqueos piratas e Julio Verne
A localización estratéxica de Cíes facíaas especialmente atractivas para os piratas ingleses, que as utilizaban como base durante as súas incursións de saqueo, tanto para trazar plans como para gardar os botíns cos que se facían.
Os corsarios utilizaban o arquipélago como base para planear os seus asaltos na Ría de Vigo e ocultar os tesouros que roubaban
A revista da compañía aérea lembra que partes do clásico de Julio Verne 20.000 leguas de viaxe submarina están inspiradas na batalla de Rande, na que foron afundidos barcos da Armada española cargados con tesouros. "Algúns din que o tesouro segue alí", apunta.
Ideais para o sendeirismo
As illas contan con catro rutas de sendeirismo delimitadas, ben sinalizadas e fáciles de seguir. Entre elas Into the Blue recomenda especialmente a de sete quilómetros ata o faro, un ascenso entre un aroma a eucalipto que se fai "máis intenso a medida que se pon o sol". O belo Lago dos Nenos, entre as Illas de Monteagudo e Faro, resulta ideal para unha parada no camiño; e a cima, xunto ao faro, ofrece impresionantes vistas das illas e o mar. "É o lugar perfecto para o teu pícnic", aconsella o dixital.
Colonia de aves
Nas Illas Cíes existe unha importante colonia con 400 parellas de araos, e especies en perigo de extinción, o que as converte nun territorio idóneo para o avistar as aves.
Observación de estrelas
Os mínimos niveis de contaminación da luminosidade fan do arquipélago un impresionante observatorio de estrelas. Cabe lembrar que as Cíes son un dos exclusivos lugares certificados como Destino Turístico Starlight, con inmellorables condicións para observar a bóveda celeste.
Cámping
As illas contan cun cámping de 800 prazas, "un dos máis idílicos nos que estariades", resalta Into the Blue.
Restaurante
Desde o restaurante as vistas á praia de Rodas son espléndidas, relata o blog de viaxes, que fai especial mención ao peixe fresco, tapas, cervexa e o "delicioso" viño Albariño galego..