Sinsal chea de música inesperada a máxica enseada de San Simón

Cun cartel descoñecido ata o momento de chegar ao festival como principal particularidade, Sinsal SON Estrella Galicia, que ten lugar nunha atractiva contorna histórica e máxica, a illa de San Simón, encherá de música a ría de Vigo entre o 26 e o 29 de xullo. Esta proposta de Rías Baixas Fests promove a contratación das e os artistas que inician a súa carreira musical ou demostran unha grande conexión coa creación contemporánea nunha cita que, grazas ao seu prestixio, ano a ano esgota as súas entradas.
“Un produto máxico, un proxecto global e integral de entender un territorio e a industria musical, de compromiso coa provincia de Pontevedra e con Galicia” é, segundo recoñeceu hoxe no acto de presentación do festival en Vigo a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o que define a Sinsal. “No século XXI, a xente demanda emocións, experiencias, calidade, excelencia, contornas únicas e proxectos diferenciados. “Todo o ten o festival Sinsal” recalcou Carmela Silva.
O festival busca converterse nunha plataforma de visibilidade e internacionalización das e os artistas galegos
Sinsal SON Estrella Galicia aposta un ano máis polo compromiso co territorio. O seu director, Julio Gómez recalcou na súa presentación que o festival “ten que ser unha plataforma de visibilidade e internacionalización das e os artistas galegos ”. Con este obxectivo e para conseguir manter un éxito que ano a ano consolídase máis aló das nosas fronteiras, 28 grupos de diversas partes do mundo deleitarán ás e aos máis de 3.000 asistentes que está previsto que acudan a San Simón durante as catro xornadas.
Ademais, como tamén recalcou a presidenta da Deputación, “se aposta por un modelo do século XXI baseado na economía circular”. Fronte a unha economía lineal, que se basea en extraer, fabricar, usar e tirar, Sinsal SON Estrella Galicia promove un modelo circular que, en palabras dos seus organizadores, “manteña na economía materiais e recursos o maior tempo posible e que a xeración de residuos quede reducido ao mínimo mediante un criterio muliterre,: repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar, recuperar e reciclar”.
A Deputación de Pontevedra repartirá recipientes biodegradables para facilitar a recollida de cabichas e plásticos
Na súa décimo sexta edición, a Deputación de Pontevedra estará presente no festival con dúas campañas para promover valores de igualdade e sustentabilidade. A campaña Somos Historias Somos Sostibles centrarase na loita contra dous grandes problemas dos nosos océanos e contornas naturais: as cabichas e os plásticos. Para elo repartiranse recipientes biodegradables que faciliten a súa recollida, premiando ademais ás e aos que se animen a colaborar con entradas e outros interesantes galardóns.
Ademais a Deputación de Pontevedra continuará promovendo unha sociedade igualitaria por segundo cunha dobre mensaxe: concienciar ás mozas sobre o seu dereito a decidir coa campaña “Lembra eu decido, ti respecta” (“Recuerda yo decido, tu respeta”), e educar aos mozos no respecto á decisión das mulleres e o rexeitamento de calquera conduta que vaia en contra destes valores, baixo o lema “Conta Comigo Eu Respéctote” (“Cuenta conmigo, yo te respeto”).