Soutelo de Montes homenaxea ao mellor “gaiteiro” de Galicia

Se existe unha peza fundamental no repertorio de música tradicional galega é a Muiñeira de Chantada. Soa en calquera festa popular que se prece nas Rías Baixas, o resto de Galicia e as comunidades de emigrantes en Europa e América, onde se mantivo viva xeración tras xeración, e ameniza banquetes, vodas e bailes desde hai décadas. Dela fixéronse infinidade de versións de todos os estilos. A última (por agora) pon o broche á serie de éxito “Fariña”, que se pecha con este clásico cuxo pegadizo refrán coñécese en todo o mundo.
A Muiñeira de Chantada foi gravada en 1928 xunto con outras xoias do repertorio tradicional por Avelino Cachafeiro, o “Gaiteiro” de Soutelo de Montes, mestre de mestres, recoñecido en 1924 en Santiago de Compostela como o mellor gaiteiro de Galicia. A súa parroquia, no Concello de Forcarei, celebra na súa honra a Festa do Gaiteiro, que este ano alcanza a súa trixesimo novena edición cun aliciente especial: o 90 aniversario da gravación da soada muiñeira.
A Festa do Gaiteiro, que organiza a Asociación O Can de San Roque, terá lugar o día 18 de agosto, e foi presentada esta mañá no Pazo provincial, sede da Deputación de Pontevedra. O acto contou coa participación de Xurxo Souto, escritor, xornalista e exvocalista da banda Diplomáticos de Monte Alto, que lerá o pregón da festa. Tamén asistiu o gaiteiro Óscar Ibáñez á presentación, amenizada por músicas e músicos mozos da Banda de Gaitas de Forcarei quen, como non, interpretaron en directo a Muiñeira de Chantada.
O referente dos nosos “gaiteiros”
“Avelino Cachafeiro é o arquetipo dos nosos gaiteiros”, proclamou Xurxo Souto. O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, destacou pola súa banda que o evento, declarado de Interese Cultural de Galicia en 2010, “é unha das festas por antonomasia no noso país”.
O acontecemento, que se celebra o sábado seguinte ás festas patronais de Soutelo de Montes, honra como se dixo a Avelino Cachafeiro, que percorreu medio mundo cos seus irmáns na segunda metade da década dos 20 do século pasado, interpretando a peza que se converteu nun himno internacional de Galicia.
Pregón, ofrenda floral e música
A música invadirá durante todo o día 18 as rúas de Soutelo de Montes. Xunto co pregón celebrarase unha ofrenda floral e unha comida popular na Carballeira do Parque Venezuela. A continuación terá lugar unha ruada coa participación de varios grupos de música tradicional galega, e poñerá o fin de festa a agrupación Carballeira de Cercio de Lalín .