Turismo cultural para un verán completo en Pontevedra
Galifornia está a gozar dun verán de calor e con bastante ocupación hostaleira. Algo fácil de entender cando se empezan a coñecer as praias do litoral galego, á vez que se combinan con noites frescas que permiten descansar ao visitante, ao contrario que noutros enclaves da península.
Mesmo nestas semanas tan boas, sempre haberá días no que baixen as temperaturas e xa non se poida descansar na toalla. Para estes casos, e para todos aqueles e aquelas que independentemente do tempo desexen gozar de turismo cultural ou pasear por museos, mostramos a continuación diferentes actividades de actualidade en Pontevedra.
Pazo de Liñares.
Comezando por Lalín, no pazo de Liñares, podemos asistir a unha nova exposición que vén para quedar. Neste caso busca mostrar os diferentes xacementos arqueolóxicos da provincia e fomentar a divulgación de todo o coñecemento sobre eles e as súas escavacións. O traballo, que leva o nome de "Recuperando o pasado", foi e está a ser realizado polo persoal do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA), e pódese visitar de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas de luns a domingo. Na seguinte ligazón atópase un vídeo sobre a inauguración da exposición.
No mesmo Lalín existe un espazo dedicado á cultura castrexa, así como ás súas lendas. Coñécese como Castro Deza e pódese ver na praza de Galicia desde o 1 ata o 5 de novembro.
A Guarda
Tamén sobre arqueoloxía é a exposición de "Viaxando pola historia. 100 Anos do MASAT" na Casa dos Alonso, A Guarda, ata o 27 de agosto. Conmemórase cunha exhibición especial o centenario do museo MASAT do mesmo municipio, no cal se tratará os seus comezos, así como a importancia para Galicia, xa que foi o primeiro museo arqueolóxico da comunidade grazas ao castro do Monte Trega.
Museo de Pontevedra
O museo de Pontevedra, pola súa banda, ofrece dúas exposicións temporais que desde aquí recomendamos. Por unha banda, atopamos a retrospectiva de Manuel Moldes. En concreto unha das súas etapas máis prolíficas e transcendentais que corresponde aos anos desde 1983 a 1987 do artista pontevedrés. A mostra pódese ver no Sexto Edificio do museo ata o 17 de setembro e o que o desexe pode inscribirse nas visitas guiadas os sábados a partir das 19 horas.
No edificio Sarmiento do mesmo museo atópase a exposición Novos Valores 2017. Obra seleccionada. Esta mostra corresponde ao certame creativo do mesmo nome, cuxos galardoados e galardoadas gozan dunhas bolsas para continuar os seus estudos artísticos en artes plásticas, valoradas en 7.500 euros. Das e dos 101 artistas presentados, escolléronse 33 traballos que son os que se poden apreciar nesta sala ata o 17 de setembro.
Ademais destas dúas exposicións, o museo propón visitas guiadas para as súas salas de martes a venres ás 12 e 19 horas, e os domingos ás 12 horas. Visitas que se amplían ás Ruínas de San Domingos ás 10:30, 12 e 19 horas de martes a venres e ás 12 os sábados.
Rexas, mulleres baixo o terror franquista
Trátase dunha exposición itinerante. Actualmente localízase na sala de exposicións da Área Panorámica de Tui. Mostra a historia de 172 mulleres que sufriron a represión do réxime franquista e a súa loita contra o mesmo, todo a través de 78 fotografías. A exhibición estará na devandita localidade ata o 31 de agosto.
Nado en pedra
Para quen lle guste a escultura, na praza do Concello do Rosal, as e os viandantes poderán apreciar o traballo dos alumnos e alumnas, mestres e mestras da Escola de Cantería de Poio. Unha escola con proxección internacional pola súa especial dedicación ao granito. Apoiado pola Deputación de Pontevedra, as e os seus estudantes proveñen tanto de Galicia, como de España e outros enclaves do mundo.
Castro de Toralla
Tamén sobre arqueoloxía é nosa seguinte proposta. Para visitar a vila romana de Toralla, xa non é necesario achegarse ata Coruxo. O concello de Vigo acaba de presentar unha nova aplicación para poder ver os restos arqueolóxicos non só en realidade aumentada, senón que nos permite apreciar o modo de vida que a antiga poboación levaba na súa rutina diaria. O traballo realizado provén da startup Xoia impulsado por un concurso do propio concello, que deu lugar a esta aplicación que leva o nome de Time Trip Experience: Toralla.