Turismo Rías Baixas asesora o alumnado do obradoiro de promoción local Vigo Prepara
Alumnado do obradoiro de emprego de promoción turística local e información ao visitante Vigo Prepara, que se está a impartir no concello vigués, participou, o pasado martes, nunha xornada de portas abertas na sede de Turismo Rías Baixas. Persoal técnico do departamento pertencente á Deputación de Pontevedra explicoulles ás persoas asistentes todo o labor que realiza a entidade desde hai máis de tres décadas e, ademais, fixo fincapé nas accións de promoción e fomento do turismo que se organizan na provincia. A xornada completouse cunha visita guiada ao conxunto histórico-artístico da cidade de Pontevedra.
O obradoiro forma parte dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia, dirixidos a mellorar a empregabilidade, cualificación e inserción profesional das mozas e mozos que están incluídos no ficheiro do Sistema de Garantía Xuvenil.
Nas diferentes actividades analízanse os distintos produtos turísticos que ofrece a cidade de Vigo e os seus arredores. Por iso o persoal docente considerou imprescindible para complementar esta formación do alumnado-traballador a visita á sede do Servizo de Turismo Rías Baixas, responsable da promoción e do fomento do turismo en todo o ámbito territorial da provincia de Pontevedra.