Turismo Rías Baixas remata a primeira fase do Plan Estratéxico tras consultar a 114 axentes políticos, empresariais e sociais
Turismo Rías Baixas ven de rematar a primeira fase do seu Plan Estratéxico para os anos 2017-2020, que marcará a folla de ruta da acción deste organismo pertencente á Deputación de Pontevedra nos vindeiros tres anos. A etapa inicial centrouse na labor de consulta co sector (tanto concellos como empresas e mailos distintos axentes sociais que o compoñen) para o que se puxeron en marcha mesas de traballo, entrevistas en profundidade e enquisas online que permitiron coñecer os recursos, a oferta, a demanda, os retos de futuro e as necesidades do turismo a nivel provincial.
Nas 10 mesas de traballo interviñeron 114 axentes políticos, empresariais e sociais, unha media de 15 por mesa que crearon unha relación bilateral de información, debate e formulacións, para falar de turismo cultural, litoral, de natureza e termalismo, de turismo gastronómico e enoturismo, do Camiño de Santiago, do turismo urbano mailo rural, e tamén do turismo deportivo, activo e de aventura.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polo Deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, deu conta dos avances no Plan Estratéxico. "Estamos moi satisfeitas e satisfeitos polos resultados acadados, cunha altísima participación e implicación desde todos os eidos", explicou.
Portugal, Reino Unido e os países do norte de Europa están no obxectivo da institución para atraer novos visitantes internacionais
En canto ás conclusións deste traballo, a altísima participación e implicación do sector pon de manifesto que este plan estratéxico era unha necesidade e unha demanda reais. Deste xeito, asegurou Carmela Silva, "podemos avanzar varias das conclusións que extraemos" e que serán incluídas entre as liñas estratéxicas do Plan: a necesidade de fortalecer o sector empresarial e a internacionalización especializada. "O ano pasado batemos todos os récords e todo apunta a que este ano vai acontecer o mesmo", apuntou, e asegurou que malia que "queremos que veñan moitos necesitamos un modelo sostible para que non aconteza o mesmo que en lugares onde hai unha saturación e unha masificación que poñen en perigo ao propio sector".
A internacionalización estará canalizada nos destinos de maior interese para as Rías Baixas como Portugal, e na captación de públicos situados no Reino Unido, onde hai un nicho de turismo moi relevante e con moita capacidade adquisitiva ligado ao patrimonio histórico e cultura: os nosos castelos, xacementos ou torres. Isto é, o "turismo da pedra", que move a arredor de 4 millóns de persoas só nese país.
Ademais, o turismo náutico "pode captar ao público do Norte europeo, sociedades moi avanzadas que fan turismo todo o ano", indicou Carmela Silva. Deste xeito, "no Plan Estratéxico de Turismo a internacionalización e todas as accións que leven a priorizala terán unha especial atención tamén co obxectivo de desestacionalizar a nosa oferta turística".
As conclusións desta fase presentaranse en Pontevedra e Vigo en setembro, e en decembro estará o documento a punto para entrar en vigor
Carmela Silva asegurou que "estamos cumprindo o noso calendario de traballo previsto ao 100%, e tamén cumprimos co noso modelo de desenvolvemento". Así, a Presidenta sinalou que "en setembro realizaremos dúas xornadas en Pontevedra e en Vigo nas que imos presentar todas as conclusións desta fase" tralas cales "se abrirá un novo espazo para estudar as conclusións e redactar o documento final" que será finalizado "en decembro e entrará en vigor no ano 2018". A Presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que "estará listo antes de que remate o ano para que no vindeiro orzamento todas as liñas de investimento poidan ir dirixidas ao que o documento final do Plan Estratéxico de Turismo indique".