Últimos días para visitar os Beléns máis rechamantes da provincia
Clásicas, con escenas de actualidade, exóticas ou de xoguete. As representacións do Nadal máis destacadas de Rías Baixas afrontan os seus últimos días de apertura
Aínda estamos a tempo de visitar algúns dos Beléns máis singulares de Rías Baixas, un plan que gustará especialmente aos nenos e nenas nesta última semana de vacacións do Nadal que se presenta pasada por auga. Estas son algunhas das propostas máis destacadas:
- Cangas: no barrio de Berbetaña atópase a casa de Francisco Martínez Prieto, que herdou do seu pai a tradición de crear cada ano un gran Belén artesanal, con escenas en movemento e diferentes automatismos. Aberto ao público ata o 7 de xaneiro.
- Mondariz Balneario: primeiro Manuel Pérez e agora a súa filla Paula expoñen ao público o seu Belén familiar, no que atopamos figuras en movemento e sons, entre outros efectos. Aberto entre semana na Avenida Enrique Peinador, nº5, ata o 7 de xaneiro e os fins de semana, ata o 4 de febreiro.
- Mos: dúas son as propostas que nos levan a esta localidade, unha delas consolidada e a outra do trinque. O Belén de Herville cumpre once anos con fama de ser un dos máis bonitos da provincia, pola súa coidadosa posta en escena. Está aberto ata o 14 de xaneiro, na sede que a Asociación Cultural Herville ten na parroquia de Cela. E no pazo de Mos inaugurouse este ano por primeira vez unha montaxe solidaria a iniciativa dun colectivo veciñal.
- Ribadumia: outra representación destacada que parte da iniciativa privada, esta vez, do veciño Francisco Martínez Oliveira. Trátase dun Belén monumental con figuras en movemento, distribuídas en 20 metros cadrados.
- Tui: a capela das Reliquias da Catedral de Tui alberga a colección "Beléns do mundo", que inclúe 300 nacementos procedentes de diversos países, nos que podemos atopar desde koalas a iglús. Ademais, a catedral tamén conta cun Belén tradicional. Ambas as exposicións están abertas ata o fin de semana de Reis.
- Valga: a localidade a beiras do río Ulla presume de exhibir o maior nacemento artesanal de Galicia con figuras en movemento. O seu tamaño e as súas escenas animadas non son a súa única particularidade, xa que se trata dunha composición que combina os personaxes tradicionais do belén con figuras da actualidade. É o único Belén declarado de interese turístico da provincia de Pontevedra e está aberto ata o 14 de xaneiro.
- Vigo: na cidade olívica temos unha variada oferta de representacións do Nadal. Na Casa das Artes atópase o espectacular Belén monumental organizado polo concello, pódese visitar ata o 7 de xaneiro. Ademais, o Teatro Afundación expón ata o 6 de xaneiro os orixinais Beléns que se presentaron ao seu concurso, que este ano alcanzou a súa 52 edición. Tamén resulta curioso o Belén de Playmobil do Centro Comercial Praza Elíptica, que se exhibe ata o 12 de xaneiro.
Etiquetas: portada