Un brinde por Cambados, "Cidade Europea do Viño 2017"
Coñecida como a "capital do albariño das Rías Baixas" e de toda Galicia, Cambados xa ten una nova "denominación" que engadir aos seus alcumes: "Cidade Europea do Viño 2017". O pasado 4 de novembro foi elixida pola Rede Europea de Cidades do Viño (Recevin) tras competir con outras vilas españolas de renome e con gran importancia no sector vitivinícola, como Ribera del Duero, Aranda de Duero, Villafranca del Penedés, ou La Palma del Condado.
Cambados continúa así o legado da cidade italiana de Conegliano-Valdobbiadene, que obtivo a mención para o 2016 grazas a este concurso de carácter rotatorio entre os países que constitúen a rede.
E é que a vila cambadesa goza dunha gran tradición na elaboración do que Cunqueiro xa denominaba como "o príncipe dourado", o viño albariño, popular ao redor do mundo, e mesmo que conta coa súa propia festa na cidade, declarada de Interese Turístico Nacional e Internacional.
Este recoñecemento converterá a Cambados en foco de case un centenar de actividades arredor do enoturismo no vindeiro ano, ademáis dunha oportunidade de promover non só a bebida espirituosa da terra de Cabanillas ou Valle Inclán, senón tamén de impulsar o seu turismo, cultura e gastronomía.
A "Ruta do Viño" da cidade con visitas as adegas, viñedos, salas de catas ou charlas con expertos nas que coñecer os segredos mellor gardados do albariño, forman parte da programación do 2017, na que non faltará tempo para degustar as propostas gastronómicas nesta viaxe enolóxica que despertará todos os sentidos dos que se animen a achegarse a esta vila das Rías Baixas.