Un centenar de empresas adhírese á campaña para obter o certificado de calidade turística do SICTED
A campaña emprendida pola Deputación de Pontevedra para incentivar as empresas a obter o certificado do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) saldouse cun centenar de novas adhesións. Empresas de dezaseis concellos optan tras esta ronda a beneficiarse do selo, co que contaban ata finais do ano pasado 203 empresas na provincia.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou de éxito o resultado da campaña e destacou que entre as novas adhesións hai 12 restaurantes e as primeiras empresas de organización de congresos, aluguer de embarcacións, convention bureaux, turismo industrial e campos de golf. "Hoxe mesmo coñecemos que o Parador de Turismo de Tui pediu tamén a súa adhesión ao SICTED" explicou Silva.
A campaña de promoción para a implantación do certificado de calidade do SICTED entre o sector turístico da provincia concluíu o pasado martes coa última xuntanza celebrada en Tui, con xuntanzas anteriores feitas en Vigo, Pontevedra, Silleda, Vilagarcía, Cambados, Bueu, A Guarda e Cuntis. Fixéronse dez xuntanzas comarcais para presentar o selo de calidade ao sector turístico de cada zona pero a campaña é moito máis ampla xa que ofrece todo o asesoramento e formación necesaria para que cada empresa que queira adherirse poda superar os exames.
Silva subliñou que "o resultado destas dez xuntanzas ao longo da provincia foi espléndido. Acadamos un resultados moi por riba das nosas previsións, que como sempre eran moi cautas. Calculamos un obxectivo de aumentar nun vinte por cento o número de empresas co certificado SICTED e neste intre xa estamos por riba do 50%".
Degusta Europa
Por outra parte, Carmela Silva tamén quixo facer unha valoración do proxecto "Degusta Europa: A gastronomía do Camiño" que tivo a participación de doce mil persoas, dúas mil máis que no ano anterior. "Este é un proxecto que cun orzamento moi pequeno, ponse en valor a nosa gastronomía cos produto do día, os nosos mercados e a alta calidade que ten a formación dos nosos profesionais en hostalería porque como recordarán todas as degustacións foron feitas polo alumnado das dúas escolas de formación profesional da provincia Carlos Oroza e o Manuel Antonio", destacou Silva.
"Degusta Europa" percorreu os mercados de abastos das cidades de Vigo, Tui, Baiona, Pontevedra, O Grove e Soutomaior