Un fin de semana nos museos da provincia de Pontevedra
A provincia de Pontevedra goza de bos e grandes museos, xa sexan pinacotecas, etnográficos ou centros de interpretación. Gardiáns de tesouros que durante estes días ofrecen actividades específicas e entradas gratuítas para fomentar o coñecemento a toda a cidadanía. Algunhas suxestións son as de:
A Guarda. Monte Santa Trega
A Guarda prepara visitas gratuítas polo monte Santa Trega o 19 de maio. En total serán 3 saídas diferentes. Ás 11 e 16 horas do sábado desenvolveranse visitas de 30 minutos sobre o castro. Ás 17 horas haberá unha saída completa desde o castro para logo subir á ermida e ao MASAT. O concello tamén ten unha saída programada ao redor do barrio Mergelina ás 12 horas. O punto de encontro será a casa Forestal.
Ademais, coinciden outros festexos no municipio como a actividade gastronómica Tapearte ou a exaltación da cultura de Galicia con motivo do Día das Letras Galegas.
O Grove. Museo da Salga
O concello organiza unhas Xornadas de Portas Abertas ao Museo da Salga durante todo o fin de semana. Os horarios serán de 10:30 a 13:30 e de 16 a 18 horas.
Museo de Pontevedra
O Museo de Pontevedra ten preparadas dúas actividades específicas. O Día Internacional dos Museos haberá visitas guiadas gratuítas ás salas de Arqueoloxía ás 17:30 e 19:30 horas. E a Noite dos Museos a actividade virará en torno ao traballo do arquitecto Alejandro de la Sota. Durará ao redor dunha hora e as sesións serán ás 19 e 21:30 horas do sábado. Os edificios Sexto e Sarmiento permanecerán abertos ata a medianoite o sábado.
Silleda. Monasterio de Carboeiro
A entrada ao mosteiro de Carboeiro será gratuíta durante o día 18 e durante a xornada da Noite dos Museos, sábado 19, terá lugar a quinta edición do certame Voces de Carboeiro , organizado polo Coro Vales Mahía a partir das 18 horas. O horario para todo o fin de semana é de 11 a 14:30 e de 16:30 a 19 horas.
Museos de Vigo
Casa das Artes, Casa Galega da Cultura e a Pinacoteca, desde o xoves ata o sábado abren de 11 a 14 horas e de 18 a 21 horas.
O Verbum e o Museo Quiñones de León abrirán os mesmos días de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas. Todos eles permanecerán abertos o domingo de 11 a 14 horas.
O Museo Liste Etnográfico ten varias actividades. Ás 10:30 h, o “Furgolibro da Tía Ni”. Ás 11:30 h unha visita guiada polo museo. Ás 12:30 h, unha exhibición con motivo do Día Internacional dos Museos.
E a exposición do MARCO “Julio Verne. Los límites de la imaginación”, verá reforzada as súas visitas guiadas. Os horarios das mesmas serán ás 12, 18 e 19:30 horas o sábado e ás 12 horas o domingo. O horario do domingo amplíase ata as 21 horas.