Unha bela ruta entre muíños e pozas para coñecer a Fábrica da Luz de Caldas de Reis
A antiga Fábrica da Luz de Caldas de Reis regresa do esquecemento e empeza a promocionarse como un dos emblemas do patrimonio industrial das Rías Baixas. O Concello, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, pechou este verán a compra da leira da antiga central hidroeléctrica a Fenosa, e agora inicia de cheo a divulgación de todo o espazo como reclamo turístico. A primeira acción será unha ruta de dez quilómetros na que, só 48 horas despois da apertura do prazo de inscrición, anotáronse xa 90 persoas.
A camiñada, que partirá o día 19 deste mes desde As Palmeiras no centro de Caldas de Reis ás dez da mañá, transcorrerá a beiras do río Umia entre muíños, pozas naturais, as belas fervenzas de Segade, o encoro e a monumental instalación que fornecía enerxía a toda a comarca. Alí as e os monitores de Naturgaliz@, o club que se encarga da organización sobre o terreo, explicarán a historia da Fábrica da Luz, construída en 1899, operativa ata 1952 e catalogada actualmente como patrimonio industrial europeo.
A espectacular fervenza de Segade é, tras as centenarias ruínas da central hidroeléctrica, o outro prato forte
A ruta, de carácter gratuíto, terá unha duración ao redor das dúas horas e media, o percorrido será circular ata volver ao momento de partida, e a súa dificultade é media-alta, aínda que as e os monitores adaptarán o ritmo ao dos participantes para facela cómoda. A previsión inicial é ofertar 150 prazas, pero o número ampliarase se resulta necesario en función da demanda, segundo indican responsables do club. "A camiñada avanza a beiras do río Umia e á altura da Fábrica, que é a estrela do itinerario, farase unha parada para explicar á xente o seu pasado, importancia e recuperación por parte do Concello e a Deputación", apuntan.
O outro punto álxido constitúeo a espectacular fervenza de Segade , que se apreciará desde un miradoiro natural. O conxunto de fervenzas ofrece unha impresionante caída de auga que deu lugar á formación dunha poza e é aproveitada polos bañistas para darse un mergullo os días de calor.
As persoas interesadas en inscribirse na ruta do día 19 poden facelo na dirección de correo electrónico naturclubgaliza@gmail.com ou no teléfono 625 482 636.