Unha colleita de éxito para o novo enoturismo
A escaseza de choivas motivou o comezo da vendima galega a finais de agosto, e agora, apenas un mes despois finaliza coa recolección alcanzando só na Denominación de Orixe das Rías Baixas os 39 millóns de quilogramos de uvas.
Na subrexión do Salnés confirmaron a medios locais que se trata da segunda mellor colleita da súa historia, onde as súas adegas colleitaron ata 25 millóns de quilos.
Polas mesmas datas, o resto de subzonas obterían unha produción de ao redor de oito millóns no caso do Condado, e catro a do Rosal. Por baixo do millón quedan o resto de subzonas, Ribeira do Ulla con case medio millón e Soutomaior menos de 100 toneladas.
E de toda a produción, case a totalidade son de albariño con ao redor de 37 millóns.
O resto de tipos de uva pertencen a colleitas máis modestas e inferiores á media tonelada, por orde de recolección temos a treixadura, o caíño branco, a loureira branca, o sousón e o godello.
Unha produción que se considerou todo un éxito xa que se atopa por encima das previsións para este ano. Ademais, supera a do ano anterior en 6 millóns e mantense como segunda mellor colleita só superada pola de 2011 que excedeu os 41 millóns.
Unhas cifras que permitirán seguir crecendo a este sector en auxe, e no que as exportacións aumentaran considerablemente nos últimos anos como indicaban os últimos datos.
Todo son datos positivos para un ano no que Cambados foi elixida Cidade Europea do Viño, con celebracións en setembro de 2017, e onde a D. O. Rías Baixas estima en 100 mil as visitas ás súas adegas, situándose como segundo destino enoturístico segundo unha enquisa realizada pola Asociación Española de Cidades do Viño. O gasto medio deste turista rolda os 156 euros por día.
A diversidade de ofertas existentes que ofrece o enoturismo axuda a que estea en alza. Unha actividade con alternativas onde se compaxina a tranquilidade de achegarse ao rural, coa realización de rutas ou paseos, a gastronomía, o benestar e por suposto as catas, tanto para parellas como grupos e familias.