Vigo, cidade de cruceiros: este ano chegarán 150.000 visitantes por mar
As 2.300 persoas que viaxan a bordo do Oceana, abriron este fin de semana a tempada de cruceiros no porto de Vigo, unha das principais terminais elixidas polas navieiras destes xigantes do mar na península ibérica. Recalarán este ano na cidade 150.000 visitantes en 73 escalas, e abril deixará a primeira estampa de tres transatlánticos atracados nos peiraos, coa chegada o día 24 do MSC Fantasía (333 metros de eslora), MSC Magnifica (293) e Rotterdam (237).
O Ventura será o seguinte gran cruceiro en recalar en Vigo, o día 4 de abril, e o 28 atracará o MSC Preziosa. Maio é o mes por excelencia deste tipo de turismo en Vigo. Haberá ata dezaoito escalas de transatlánticos que suporán a chegada de decenas de miles de pasaxeiras e pasaxeiros (cun gasto medio superior aos 60 euros por persoa), entre elas a do Independence of the Seas, un clásico xa no porto vigués, que visitará a cidade o día 17 procedente de Southampton e antes de seguir rumbo a Lisboa. Nesta mesma data farao o Britannia. O Queen Elizabeth tamén recalará no peirao de transatlánticos, o día 14, e pechará o mes outro coloso dos mares, o Navigator of the Seas.
As escalas de cruceristas na cidade descenderon no último lustro ante a forte competencia doutros portos, aínda que o gran tamaño dos barcos que fan escala no porto olívico este ano compensa en parte esta tendencia. O turismo de cruceiros é un dos grandes activos do sector en Vigo.