O castelo de Soutomaior avanza en excelencia: aposta pola Q de calidade e postúlase como destino de turismo científico
O castelo de Soutomaior avanza en excelencia. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, supervisou esta semana todas as medidas de protección implementadas na reapertura das instalacións para garantir a seguridade e tranquilidade das visitas e do persoal. Ao termo do recorrido en compañía da deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, concluíu que a fortaleza das Rías Baixas é un “destino seguro” e avanzou ademais que se traballa para reforzar a súa promoción a nivel internacional.
A presidenta da Deputación destacou que “o empeño por gañar en calidade turística nos dará novos froitos moi cedo”. Por unha banda, Carmela Silva confirmou o avance dos traballos para que o castelo, que xa é destino SICTED, poida optar á Q de calidade e, por outra banda, deu a coñecer que a fortaleza camiña cara á obtención do prestixioso selo Observer, a primeira certificación europea especializada na posta en valor dos espazos de turismo científico. No caso de Soutomaior apoiaríase nos seus valores históricos e botánicos. Este mércores 10 de xuño persoal técnico do programa comezará a avaliar o recinto.
Hai que lembrar que o de Soutomaior é Xardín de Excelencia Internacional, de máis de 15.700 m2, con 175 especies arbóreas diferentes, algunhas delas con máis de oitocentos anos de antigüidade; é especialmente relevante a colección de máis de 300 exemplares de camelias.
Cambios durante a visita
En canto á seguridade do recinto, Carmela Silva comprobou na mesma entrada do castelo o punto de información desde o que o persoal técnico explica as medidas de hixiene e distanciamento que se teñen que cumprir durante a visita. Neste espazo tamén se lles toma a temperatura a todas as persoas que se achegan a Soutomaior. É obrigatorio o uso de máscaras e o emprego de luvas xa que “se trata dun espazo museístico interactivo e cómpre evitar toda posibilidade de contaxio”.
Desactiváronse de xeito temporal as pantallas táctiles, sobre todo as dirixidas ao público infantil. Ademais, para minimizar os riscos, á entrada do castelo hai dispostas xa fontes de hidroxel que permiten desinfectar as mans.
En canto ao percorrido das visitas mantense o habitual, con persoal de seguridade que se encarga de definir claramente a saída para evitar que haxa cruzamentos entre as persoas.
O que si varía é a capacidade de asistencia, tamén controlada polo persoal de seguridade, que estará limitada ao 50 %, o que supón aproximadamente a presenza de 160 persoas visitando simultaneamente o castelo.
Ademais, para recordar as medidas de distanciamento social, cada quince minutos escoitarase a través da megafonía unha mensaxe para manter a distancia de dous metros de seguridade.