Arrancan de novo as visitas guiadas ao Xardín de Excelencia Internacional en Camelia no Castelo de Soutomaior
Coincidindo coa etapa de floración da camelia e co levantamento das restricións de mobilidade na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, a Deputación de Pontevedra vén de lanzar unha nova edición das visitas guiadas ao xardín de Excelencia Internacional da Camelia no Castelo de Soutomaior. Trátase do terceiro ano consecutivo no que a institución provincial programa estas visitas botánicas que comezan este sábado e domingo, 27 e 28 de febreiro, e continuarán todas as fins de semana do mes de marzo, sempre co aforo reducido e adaptándose ás circunstancias e evolución da crise sanitaria.
Camelias con nome de muller
Amais de coñecer todas as variedades de camelias do Xardín de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior, distinguido co selo Observer de turismo científico, así como a súa orixe, coidados e curiosidades, este ano, como novidade e coincidindo co arranque da ampla programación da Deputación ao abeiro do 8M, a visita inclúe o percorrido polo “Xardín de Camelia con nome de muller”.
No 2020 comezáronse a plantar camelias con nome de muller, creando un recuncho novo no xardín do Castelo de Soutomaior. A primeira camelia deste xardín foi a variedade María Vinyals á que se sumaron ao longo do ano a de Rosalía de Castro, Bella Otero e Jane Andersen.
Estas visitas guiadas terán tamén a novidade de poder coñecer á plantación de té de camelia existente nos Xardíns, incluíndo unha explicación das diferentes variedades de té, a súa historia e os seus principais beneficios.
As visitas guiadas por persoal especializado ao xardín de camelias do Castelo de Soutomaior, que terán lugar todos os sábados e domingos ás 12 horas e durarán unha hora e media, terán un custe de entre 1,5 € (tarifa reducida) e 3 € (tarifa normal). As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poderán adquirir a entrada a través da web do Castelo de Soutomaior https://castelodesoutomaior.com.