A Deputación lanza un programa de visitas guiadas polos bosques terapéuticos de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra conmemorou este ano o Día Mundial do Medio Ambiente coa presentación dunha nova iniciativa que, en palabras da presidenta Carmela Silva, supón “unha nova forma de relacionarnos intimamente coa natureza”. “Bosques terapéuticos” é un programa que nace para "conxugar natureza, exercicio, saúde, cultura e historia" e que promoverá durante este verán visitas guiadas interpretativas a cinco parques forestais da provincia: Freaza (Fornelos de Montes), A Picaraña (Ponteareas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e costa de Oia e serra da Groba (Oia).
As e os promotores da idea que vai desenvolver a Deputación de Pontevedra son o recoñecido artista Sergio Portela, a experta Isabel Fernández e o enxeñeiro forestal Alfredo Agra; todas elas son persoas ligadas na súa traxectoria aos valores de sustentabilidade.
O programa “Bosques terapéuticos” conxugará as visitas guiadas aos cinco parques forestais coa interpretación dos elementos patrimoniais que albergan, como xacementos arqueolóxicos, construcións tradicionais ou áreas recreativas. “Imos ofrecerlles ás persoas que queiran participar a posibilidade de gozar cos sentidos de auténticos baños de bosque, un proxecto novidoso en Galicia e en España, aínda que teñen tradición nos países orientais como Xapón ou os do norte de Europa”, resumiu a presidenta da Deputación o día da presentación do proxecto.
Neste verán, do 18 de xullo ao 27 de setembro, o proxecto ofrecerá un total de trinta visitas aos parques, seis a cada un, aptas para todos os públicos e cun total de 450 prazas (15 por ruta polas restricións derivadas da COVID-19).
Cada unha das rutas terá un tema central, segundo as características e valores de cada espazo, e sobre o que xirará toda a actividade, que estará guiada por Isabel Fernández, experta en proxectos relacionados coa difusión e coa interpretación do patrimonio e o turismo sostible.
Os parques elixidos forman parte do programa de recuperación e posta en valor destes espazos que financiou a institución provincial nos últimos anos. A presidenta tamén incidiu en que “unha parte moi importante da nova economía vai estar ligada á natureza, que ten valores que podemos desenvolver sendo moi respectuosos coa contorna e traballando para melloralos e deixar unha pegada humana do século XXI”.