Visitas virtuais e unha viaxe pola historia: as dúas novas campañas en liña de Turismo Rías Baixas
A Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas exploran novas fórmulas para seguir promovendo a provincia de Pontevedra e As Rías Baixas no actual contexto provocado pola COVID-19. Nos próximos días poñeranse en marcha dúas novas accións destinadas a promocionar de forma virtual os principais activos turísticos do destino ata que se poidan retomar as visitas regulares desde o exterior.
A primeira das campañas denomínase “As Rías Baixas visítante” e consiste na organización de visitas guiadas virtuais a algúns dos monumentos ou recunchos naturais máis singulares da provincia.
Unha informadora turística da institución provincial faralle chegar ao público a historia de cada recurso a través de breves e interesantes vídeos que se difundirán nas redes sociais de Turismo Rías Baixas e da Deputación de Pontevedra.
O antigo santuario do monte do Facho (Cangas), o bosque de Colón (Poio) ou a mámoa do Rei (Vilaboa) son algúns dos lugares que o público percorrerá virtualmente da man dunha guía especializada e desde a comodidade do seu fogar.
“Queremos que as e os turistas virtuais poidan seguir as explicacións en vivo sobre o destino Rías Baixas dunha maneira instantánea e amena. Xa que non poden vir visitarnos, nós levámoslles a provincia directamente á súa casa”, explican desde Turismo Rías Baixas. Estas visitas guiadas virtuais programaranse os mércores e venres ás 10 da mañá a partir do 27 de maio nas redes sociais corporativas. Os vídeos estarán posteriormente accesibles na canle de YouTube de Turismo Rías Baixas.
Un destino con moita historia
Tamén se recorrerá ás redes sociais de Turismo Rías Baixas para convidar o conxunto da cidadanía e persoas de fóra interesadas en visitar a provincia de Pontevedra a realizar unha interesante “Viaxe ao pasado” aproveitando o valioso material histórico que custodia o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico.
Trátase de ilustrar monumentos, vilas termais ou espazos declarados bens de interese cultural das Rías Baixas por medio de vídeos, postais, fotografías e publicacións históricas que se conservan en bo estado.
A intención é aproveitar este inxente material para trasladarlle de forma moi gráfica á cidadanía que a provincia de Pontevedra é un destino turístico cunha longa traxectoria de excelencia e arraigados costumes e tradicións que se mantiveron intactos e que se poden gozar hoxe en día.
A
campaña tratará de mostrarlles á veciñanza da provincia e ás potenciais visitas o antes e o agora das vilas mariñeiras das Rías Baixas, a transformación de barrios pesqueiros como O Berbés (Vigo) ou as orixes da vila termal por excelencia, Mondariz, e do antigo Gran Hotel Mondariz.
A partir do 1 de xuño a Deputación de Pontevedra convida o público a redescubrir a historia desta terra e os segredos dalgúns dos seus recunchos máis singulares a través das súas redes sociais e da web de Turismo Rías Baixas.