- Reforzar a marca Rías Baixas como un destino seguro
- Garantir a viabilidade e supervivencia do tecido empresarial
- Potenciar a competitividade das e dos traballadores e das empresas
- Garantir o emprego de todas aquelas persoas vinculadas ao sector
- Favorecer o turismo de proximidade, impulsando a demanda
A crise sanitaria terá un impacto profundo na forma na que se viaxa, nas relacións das persoas e na experiencia das e dos clientes, o que obrigará a darlle un xiro á proposta de valor do sector e ás perspectivas concretas do tecido empresarial turístico.
- As medidas sanitarias e de seguridade converteranse en factores determinantes para a selección de destinos.
- Crecerá a demanda de destinos máis sostibles e menos masificados.
- Demandaranse novos métodos dixitais que minimicen o contacto: check in e reservas en liña, sensores para a apertura das portas ou das billas etc
- Haberá unha dinámica favorable ás actividades de aventura na natureza e en espazos ao aire libre, que eviten as aglomeracións. Crecerá a demanda turística de experiencias locais e sostibles.
- Producirase unha maior sensibilidade ao prezo da oferta turística. Por outra banda, o turismo de luxo mpulsará novas oportunidades e contribuirá á desestacionalización do turismo.
- Aumentará a venda en liña e demandaranse produtos turísticos máis flexibles para cambios e anulacións. A clientela será máis esixente e terán preferencia as e os provedores que aseguren estándares de hixiene e sustentabilidade.
- Na tempada estival unha gran porcentaxe de turistas apostará polo turismo de proximidade e daralle prioridade ás viaxes en transporte privado.
- É necesario establecer para a recuperación do sector un novo modelo de xestión e gobernanza turística, coordinado, cunha estreita colaboración entre o sector privado e as administracións.
Fonte: enquisas a 200 empresas de distintos ámbitos (hoteis, axencias de viaxes e operadoras turísticas, turismo rural, hostalería, actividades artísticas, turismo activo, transporte, vivendas turísticas).
De maior a menor:
1. Accións tributarias (reducións ou aprazamento de impostos, taxas...).
2. Promoción e difusión local e nacional.
3. Medidas de prevención, seguridade e saúde.
4. Fomentar a demanda de produtos e servizos de proximidade por parte da poboación.
5. Deseño de plans de continxencia e xestión da crise.
6. Efectuar a transición á economía circular e incorporar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
7. Promover a colaboración con provedoras e provedores de proximidade.
8. Promover sinerxías e alianzas con outras entidades (ofrecer novos produtos e servizos etc.).
9. Accións de formación especializada.
10. Impulso da dixitalización.
11. Accións para incrementar a liquidez (avais, créditos...).
Destácase a solicitude de coordinación coas distintas administracións, medidas para favorecer o turismo local, así como o rural, exención de taxas e de certos impostos e axilización de procesos e axudas.
Ademais, como comentarios adicionais, o sector demanda:
➢ Axudas de diferente índole (económicas, directas, indirectas...), tanto para persoas autónomas como paras as pemes, para paliar as consecuencias da crise da COVID-19.
➢ Accións de difusión para o fomento de eventos e destinos locais.
➢ Maior velocidade na toma de decisións e exactitude para planificar as accións de cara ao 2021.
➢ Axudas específicas para as axencias de viaxes, xa que para poder poñer en marcha o seu negocio dependen de que o fagan antes outros servizos coma os aloxamentos, as aeroliñas ou as e os guía.
➢ Financiamento, aspectos legais e fiscalidade. Este primeiro eixe engloba medidas relacionadas coa solvencia financeira, fiscal e legal das empresas.
➢ Prevención, seguridade, saúde e hixiene. Trátase de accións relacionadas cos diferentes protocolos e plans de garantía sanitaria, tanto nas oficinas INFO Rías Baixas como nas administracións locais e no sector privado. Con estas medidas búscase tamén un crecemento ético.
➢ Dixitalización e competitividade. Recolle toda unha serie de medidas relacionadas co liderado empresarial e o fortalecemento do sector a través da capacitación, a innovación e o emprendemento. Ademais, búscase poñer as TIC ao servizo dos concellos para responder ás novas demandas das e dos turistas con ferramentas que lles proporcionen información e promovan a confianza, ademais de darlles resposta ás novas demandas de flexibilización.
➢ Promoción do destino Rías Baixas. Adaptaremos as accións de comunicación e comercialización á nova semántica da COVID-19, con campañas que promovan As Rías Baixas como destino seguro e dándolle prioridade aos mercados de proximidade (mercado nacional e do norte de Portugal).
➢ Plan estratéxico de turismo 2021-2023 e traballo conxunto para potenciar eventos relacionados coa cultura, o deporte e o turismo MICE para 2021.
Xa se están asignando partidas para o desenvolvemento de medidas, cun orzamento inicial en torno aos 800.000 euros, para o período de xuño a decembro de 2020:
- Adecuación da rede de oficinas INFO Rías Baixas ao escenario ocasionado pola COVID-19 a través do protocolo de xestión da rede e asesoramento e apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes na adaptación á normativa de garantía sanitaria.
- Deseño de obradoiros post COVID-19 para a comercialización do destino.
- Adaptación do plan de promoción á semántica da COVID-19 e orientación ao turismo de proximidade (nacional e do norte de Portugal) e ás novas tendencias das persoas que viaxan.
- Lanzamento da aceleradora do comercio polo miúdo para axudarlles a impulsar os negocios e reactivar a economía local.