O Museo de Pontevedra homenaxea a Castelao e dalle o seu nome ao Sexto Edificio
O Museo de Pontevedra vai “reparar unha inxustiza histórica” e dará o nome de ‘Edificio Castelao’ ao coñecido como ‘Sexto’, o inmoble considerado “máis relevante e de maior capacidade” dos que conforman o Museo de Pontevedra. Así o anunciou hoxe o vicepresidente César Mosquera, quen lembrou que o autor rianxeiro foi un dos fundadores do Museo, membro do seu Padroado, e a persoa da que institución pontevedresa conta con máis fondos, aos que vén de sumar o ‘Álbum Nós’. “Definitivamente dámoslle a Castelao a relevancia que tivo neste Museo”, afirmou.
O Consello Asesor do Museo, segundo explicou o vicepresidente, foi o que tomou a iniciativa e, na mesma reunión -do 4 de novembro- na que se tratou a adquisición da colección ‘Nós’, propuxo o cambio de nome. A decisión foi tomada por unanimidade (“non foi por aclamación porque non existe esa figura”, dixo Mosquera) tras as diferencias públicas e continuas que o tema suscitara dende se rematou a obra do inmoble e a súa inauguración en 2013.
Naquel entón houbo varias propostas para poñerlle un nome asociado ao propio Museo, á súa traxectoria, ou ás obras de importancia que contiña, mais houbo “discrepancias e nin un mínimo consenso ou acordo, polo que se dou unha patada para adiante deixándoo como ‘Sexto Edificio’ de maneira numérica”, lembrou Mosquera.
“Temos o convencemento de que a unanimidade do Consello Asesor e a trascendencia que colle o Museo adquirindo a colección ‘Nós’ completará a reparación de certa inxustiza histórica con Castelao”, subliñou Mosquera, que apuntou que hai anos a obra do rianxeiro non estaba ben tratada, “senón case arrinconada”. “Iso foise reparando pouco a pouco e nestes momentos rematamos esa reparación histórica moi importante para o Museo, para a súa traxectoria e para a súa proxección”, argumentou.
O nomeamento de ‘Edificio Castelao’ seguirá a partir de agora varios trámites administrativos dende a Deputación para facelo oficial. A pesares de non ser necesario formalmente, levarase ao Pleno para darlle “a máxima solemnidade e a relevancia que merece”, prevendo tamén realizar algún tipo de evento conmemorativo en función das posibilidades que permita a pandemia.
Unhas 2.000 pezas orixinais
O director do Museo, Xosé Manuel Rey, afirmou pola súa parte que “é difícil entender o Museo de Pontevedra sen a figura de Alfonso Rodríguez Castelao”, vinculación que o Consello Asesor recoñeceu ao atribuírlle a súa denominación ao coñecido como ‘Sexto Edificio’.
“Hoxe unha parte moi significativa da súa produción artística e intelectual exhíbese e custódiase neste Museo, que alberga entre os seus fondos máis de 2.000 obras ou pezas pertencentes a este artista e intelectual, un dos piares básicos sobre os que asenta a nosa identidade como pobo”, dixo.
Castelao colaborou activamente na creación do Museo de Pontevedra, realizando incluso apuntes ou debuxos sobre as reformas arquitectónicas do edificio Castro Monteagudo, o primeiro dos edificios do Museo. O rianxeiro tamén iniciou a súa propia colección no Museo cando en 1931, sendo membro do Padroado fundador do Museo de Pontevedra, depositou once das súas obras, e manifestou o seu desexo de reunir o máis salientable da súa produción na institución pontevedresa, un depósito que sería posteriormente adquirido en 1964 á súa xa viúva Virxinia Pereira, quen legou tamén un gran numero de orixinais da súa propiedade.
Desde ese momento e ata a actualidade, novas doazóns, depósitos e compras ampliaron a relevancia da colección “grazas á postura proactiva dos anteriores directores do Museo, Filgueira Valverde e Carlos Valle”, explicou Rey, quen afirmou que “felizmente esta dinámica alcanzou un punto culminante coa recente adquisición do Álbum Nós, permitindo que o Museo de Pontevedra reúna as obras máis simbólicas e representativas do autor”.
O actual director fixo fincapé en que a institución acolle a maior parte da obra de Castelao custodiada na colección permanente dentro ‘Sexto’ , onde é o único artista que dispón dun espazo exclusivo. Na ‘Sala Castelao’, de feito, exhíbense todas as facetas do autor como caricaturista, debuxante, pintor, gravador, ilustrador, escenógrafo, novelista, etnógrafo, autor teatral, ensaísta e político, “convertendo ao Museo de Pontevedra no espazo de referencia para o coñecemento, estudo e difusión da súa obra”.