Reina a calma na antiga illa templaria de San Simón: soa The Partisan Seed
Os antigos trobadores que compuxeron fermosas cantigas galegas atoparon inspiración en San Simón, unha fermosa illa da ría de Vigo cun pasado cargado de espiritualidade. Alí, onde o poeta Mendinho cantaba que era cercado polas ondas do mar, celébrase hoxe un dos festivais máis singulares de Europa, o Sinsal Son Estrella Galicia. O seu renomeado cartel é segredo para o público ata que os músicos soben ao escenario, e a capacidade está limitada a 800 persoas, que chegan a bordo de barcos fretados pola organización do evento.


O son case místico, coma un mantra da guitarra de Filipe Miranda, rompe a quietude desta antiga illa habitada entre os séculos XII e XIII por templarios e unida por unha ponte a outra de menor tamaño, San Antón. O músico de Barcelos (Portugal), agora co seu proxecto persoal The Partisan Seed, entoa Black ship in the sand xunto ao mar. A súa interpretación é a estrea semanal en Flooxer das Sesións Rías Baixas, un formato intimista en colaboración con Turismo Rías Baixas que percorre as citas do circuíto festivalero da provincia de Pontevedra, os chamados #RíasBaixasFest, que combinan a mellor música en contornas paradisiacos coa gastronomía galega e o lecer.
Mentres a música de The Partisan Seed convida á introspección, San Simón respira calma e espiritualidade pola súa soidade, beleza e pasado relixioso. A illa foi, ademais, testemuña da batalla de Rande, un conflito naval histórico do que xurdiron lendas sobre tesouros escondidos no fondo do mar, reflectidas por Jules Verne no clásico Vinte mil leguas baixo dos mares. O Capitán Nemo visita na universal obra a ría de Vigo para abastecerse desas riquezas. Fronte á illa, un conxunto escultórico que só é visible na súa integridade coa marea baixa, réndelle homenaxe ao soado mariño.
O Capitán Nemo visitou as súas augas para abastecerse dos tesouros ocultos na ría de Vigo, e un conxunto escultórico fronte á illa réndelle homenaxe
A illa, na bela enseada que leva o seu nome, tamén sufriu os saqueos de piratas británicos e no século XIX converteuse en lazareto, no que pasaban unha tempada os navegantes que chegaban á ría de Vigo antes de desembarcar en terra firme para evitar epidemias. O pasado de San Simón tampouco está exento de traxedia, xa que na Guerra Civil e nos primeiros anos da posguerra converteuse en cárcere do réxime franquista. Tras un proceso de recuperación a principios deste milenio, hoxe está exposta como unha “illa do pensamento” na que Sinsal recolleu a esencia dos vellos trobadores.
Praia e castelo de Soutomaior
En terra firme, moi preto da illa, atópase a praia de Cesantes, coa súa característica lingua de area triangular e moi apreciada polas persoas afeccionadas aos deportes náuticos. A poucos quilómetros de alí é moi recomendable a visita ao castelo de Soutomaior, unha fortaleza convertida en palacio residencial no século XIX, que acaba de ser musealizada pola Deputación de Pontevedra, a súa actual propietaria, para contar de forma amena a súa historia. Os seus xardíns están declarados de Excelencia Internacional pola Sociedade Española da Camelia e alberga especies arbóreas de 800 anos de antigüidade.
O Festival Sinsal, que este ano se desenvolve entre o 26 e o 29 de xullo, é unha excelente ocasión para visitar o contorno. Redondela, municipio ao que pertence San Simón, é coñecida como a vila dos viadutos e no seu territorio atópanse numerosas mostras arqueolóxicas coma petróglifos e mámoas.
Vigo, a maior cidade de Galicia, presume dun dinámico barrio histórico e desde os seus miradoiros, en especial o do Castro, ofrece impresionantes panorámicas á ría que leva o seu nome. Enfronte, a península do Morrazo conta con excelentes praias. Como gardiás do territorio emerxen as illas Cíes, perla do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Cara ao norte, Pontevedra, bañada polo río Lérez, loce un centro histórico ideal para camiñar, con estupendas prazas públicas e monumentos coma o santuario da Peregrina ou a basílica de Santa María.

