Participa no sorteo do libro "María Vinyals. A muller do porvir" e descubre máis sobre o castelo de Soutomaior

¿Gustaríache gañar un libro sobre a escritora María Vinyals e coñecer a historia do castelo de Soutomaior? A Deputación de Pontevedra pon en marcha o sorteo do libro María Vinyals. A muller do porvir, unha obra de Diego Piay publicada pola editorial Alvarellos que conta a vida dunha das personaxes máis sorprendentes que habitou a fortaleza. A persoa gañadora poderá escoller entre a versión en galego ou en castelán.
O concurso xa está en marcha na páxina de Facebook do castelo e para participar é preciso ser maior de idade, seguir a citada páxina nesta rede social e contestar unha pregunta moi sinxela: que é o que máis che sorprende do castelo de Soutomaior?
Ademais, non esquezas mencionar no comentario a quen das túas amizades lle recomendarías visitar esta fortaleza, unha das xoias do patrimonio da provincia de Pontevedra. A continuación comparte a publicación. Cada participante só poderá realizar un comentario.
O prazo de participación rematará o 23 de abril, Día do Libro, ás 12 horas e o sorteo terá lugar o día seguinte. O nome da gañadora ou gañador darase a coñecer na páxina do castelo.
Participa e moita sorte!