Visitas a Areeiro: un paseo guiado entre camelias, té e cultivos froiteiros e forestais cunha cata final
Un lugar ideal para mergullarse no mundo das camelias e o té das Rías Baixas é a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, o centro de investigación e experimentación da Deputación sobre cultivos forestais, agrícolas e ornamentais, situado en Pontevedra.
A institución provincial conta cun programa de visitas guiadas e gratuítas aberto á cidadanía, aos centros educativos, ás asociacións e aos grupos, co que as e os participantes poden coñecer a historia das camelias, as plantacións de té das Rías Baixas, e diferentes cultivos agrícolas e forestais, guiados por persoal experto deste centro de referencia en sanidade vexetal. A experiencia dura dúas horas e finaliza cunha cata de produtos de tempada cultivados en Areeiro.
As persoas que participen nestas interesantes visitas guiadas percorrerán as plantacións, xardíns con belas e singulares coleccións botánicas e viveiros da estación, a cal realiza un importante labor investigador no control de pragas e na conservación do patrimonio vexetal da provincia. As visitas realízanse os martes e xoves non festivos, e dous sábados ao mes. As persoas interesadas poden inscribirse na web de Areeiro. Cada grupo estará formado por un mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas. Este é o percorrido temático da visita:
1. Estación Fitopatológica Areeiro. Que é e a que se dedica: un pouco de historia.
2. As orixes: que é a fitopatoloxía, a súa importancia e repercusión na produción de alimentos.
3. A camelia, a flor de Galicia: xardín de Pedro Mansilla.
4. Camelias Figo: só para os ollos do emperador. O xardín de Franco Ghirardi.
5. Insectario e viveiro de forestais: a loita contra as pragas.
6. Plantación de kiwi: a tecnoloxía detrás da froita.
7. Plantación de té, a bebida máis consumida do mundo.
8. A camelia máis aló do seu uso ornamental.
9. A feixoa: unha froita exótica que lle debe o nome a Galicia.
10. A importancia dos froitos de outono, os froitos secos.
11. Fentos arbóreos, o recordo do pasado.