Fiestas en Rías Baixas

SICTED: Sistema Integral de Calidade Turística

¿Que é o distintivo Compromiso de Calidade Turística?

O Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) ten como obxectivo mellorar a experiencia dos es das turistas nun destino. É un proxecto da Secretaría de Estado de Turismo ao que está adherida a Deputación de Pontevedra a través do destino Rías Baixas-provincia de Pontevedra.

O distintivo SICTED engloba tanto os servizos ofrecidos polos compoñentes da oferta turística (hoteis, restaurantes, axencias de viaxes…) coma aqueles que, sen selo estritamente, contribúen á formación da experiencia turística nun destino.

Gala SICTED 2022

Gala SICTED 2022 en Vigo

Así, o distintivo Compromiso de Calidade Turística busca favorecer un nivel de calidade homoxéneo nos servizos ofrecidos por un mesmo destino ao turista, de modo que este teña unha percepción e satisfacción global dos diversos axentes que o compoñen.

O selo SICTED valora e acredita a calidade dun total de 32 servizos turísticos diferentes, oficios que ven así recoñecido o seu esforzo e compromiso coa calidade. Do mesmo xeito, representa unha vantaxe competitiva e de diferenciación fronte a outros axentes do sector.

¿Cales son os seus beneficios xerais?

Este sistema integral presenta distintas vantaxes para o destino e servizo acreditado. No caso do primeiro, permite:
 
 Establecer unha estrutura de xestión permanente que vele polo incremento da competitividade das empresas turísticas do destino
 
 Ofrecer un nivel de calidade homoxéneo en todos os servizos turísticos, para favorecer así a satisfacción das e dos turistas e fomentar a súa fidelización
 
Incrementar a implicación e participación do sector empresarial no desenvolvemento turístico do destino
 
Respecto das empresas ou servizos, o SICTED permite:
 
Mellorar a xestión interna, especialmente nos procesos relacionados coa satisfacción do cliente
 
Incrementar a cualificación do equipo mediante o plan formativo
 
Participar no maior proxecto de calidade turística desenvolvido en España, xunto con máis de 5.700 empresas
 
Recibir asistencia técnica que ofrece apoio para a mellora

No caso concreto do Destino Rías Baixas, que nos achega?

A Deputación de Pontevedra ofrécelles ás empresas e servizos turísticos participantes un proxecto de asesoramento e formación continua que se complementa coa análise de cumprimento dos estándares de calidade requiridos, así como da proposta de posibles melloras de cara á obtención, de modo totalmente gratuíto, do distintivo Compromiso de Calidade.
 
A estes beneficios súmase a integración nas diversas campañas de promoción impulsadas no marco deste programa. Entre elas figuran:
 
Insercións publicitarias
 
Difusión a través de redes sociais
 
Presenza en portais de referencia do sector turístico: www.calidadendestino.es e a páxina web de Turismo Rías Baixas
 
Evento de entrega de diplomas acreditativos

Curso de formación para obtener el sello SICTED

¿Como podo participar no SICTED-Rías Baixas?

O distintivo Compromiso de Calidade Turística presenta unha validez bienal, condicionada a unha avaliación anual de seguimento e á superación de avaliacións completas. Para acadalo a empresa ou servizo turístico debe obter unha valoración positiva dos requisitos fixados.

En primeiro lugar, o axente turístico interesado debe desenvolver a súa actividade no destino Rías Baixas-provincia de Pontevedra; exceptúanse as empresas/servizos turísticos pertencentes aos concellos de Baiona e Sanxenxo, destinos que contan co seu propio ente xestor, así como Agolada, Vila de Cruces, Rodeiro, Silleda, Lalín, Dozón, Forcarei e A Estrada, integrados no destino Terras de Pontevedra Norte - Deza - Tabeirós.

Por outra banda, o servizo prestado polo axente debe poder englobarse nun dos 35 oficios avalados por este compromiso. As empresas interesadas deben cubrir e enviar un formulario de solicitude de adhesión. Poden facelo a través da páxina do SICTED ou solicitalo en Turismo Rías Baixas.

Oficios avalados polo SICTED

Adegas
 
Albergues
 
Aloxamentos rurais
 
Artesáns
 
Atraques de cruceros e ferris
 
Axencias de viaxe
 
Bares e cafeterías
 
Cámpings
 
Campos de golf e campos de pitch & putt
 
Comercios
 
Convention bureaus
 
Empresas de aluguer de vehículos e embarcacións de recreo
 
Empresas de transporte turístico
 
Empresas de turismo activo
 
Escolas de español para persoas estranxeiras
 
Espazos escénicos permanentes
 
Espazos naturais protexidos
 
Espazos para turismo de reunións
 
Estacións de esquí e montaña
 
Guías turísticos
 
Hoteis e apartamentos turísticos
 
Museos e centros de interese turístico
 
Obradoiros turísticos
 
Oficinas de información turística
 
OPC
 
Outros servizos
 
Parques de lecer
 
Portos deportivos
 
Praias
 
Restaurantes e empresas turísticas de cátering
 
Seguridade cidadá
 
Servizos de limpeza
 
Taxis
 
Turismo de benestar
 
Turismo industrial

Manual de boas prácticas: modelo de actuación e avaliación

Coa intención de favorecer un nivel de calidade homoxéneo entre os distintos axentes do destino turístico promóvense manuais de boas prácticas (MBP). Nestes documentos, un por cada un dos 35 oficios, recóllese un código de actuación por parte do establecemento. O cumprimento destas boas prácticas configúrase como un dos requisitos para a obtención do acreditativo de calidade.

Deste xeito, os MBP representan un modelo de actuación para o axente turístico e tamén un sistema de avaliación.

O SICTED nas Rías Baixas: establecementos con calidade acreditada

O distintivo Compromiso de Calidade Turística supón unha oportunidade de consolidación de Rías Baixas como un destino referente en calidade turística, para mellorar o posicionamento do propio destino e dos servizos ofrecidos.

Na actualidade son 322 as empresas da provincia de Pontevedra recoñecidas polo SICTED desde a primeira acreditación, recibida en 2006.

Empresas distinguidas