O museo do castelo de Soutomaior
O castelo de Soutomaior emprende unha nova etapa como referente patrimonial, cultural e turístico da provincia de Pontevedra despois de dez séculos de dominio do territorio ao fondo da ría de Vigo. A impoñente fortaleza conta desde agora cun ambicioso espazo museístico que amosa de maneira entretida e didáctica, cun uso de audiovisuais e outros medios punteiros, información acerca da súa historia, dos e das personaxes ilustres que a habitaron, a súa importancia en Galicia e a integración no seu fermoso contorno paisaxístico.
O proxecto expositivo céntrase en dez eixes: a presenza da fortaleza na contorna desde a súa orixe; o valor da localización para o control do territorio; a destrución por parte dos Irmandiños; o papel dunha figura lendaria coma Pedro Madruga; a fortaleza como centro de poder; a hipótese da orixe galega de Cristóbal Colón; a liñaxe dos Sotomayor; a transformación do castelo nun palacio residencial; a apaixonante figura da escritora e defensora da muller María Vinyals; e as reformas arquitectónicas realizadas ao longo da vida do castelo.
O percorrido, que se inicia unha vez superada a ponte levadiza e que ten unha duración estimada de 45 minutos, realizarase a través das técnicas máis vangardistas de musealización, con sete audiovisuais, recreacións en 3d, videomapping e caixas máxicas. Ademais, alternarase a visita con contidos de carácter didáctico para pór a proba o enxeño, principalmente dos máis pequenos e pequenas.
As caixas máxicas son un dos grandes atractivos deste entretido e ameno itinerario pola fortaleza. A través dun xogo de luces e espellos achéganlles á e ao espectador as formas de vida dalgúns dos personaxes ligados á historia do castelo.
O videomapping, un dos recursos máis sorprendentes de toda a exposición e que se atopa na Torre de Homenaxe, narra a historia de Pedro Álvarez de Sotomayor, coñecido como Pedro Madruga, o lendario nobre vinculado á fortaleza, sobre quen ademais existe a teoría de que podería ser o verdadeiro Cristóbal Colón. Nunha das salas preséntanse as claves sobre a posible vinculación do navegante coa liñaxe dos Sotomayor.
Audiovisuais, fotografías de alta resolución, actuais e históricas, facsímiles de documentos históricos, fitos cronolóxicos, unha maqueta sobre a que se proxectan de maneira cenital diferentes elementos da paisaxe natural e cultural, e tres sobre distintos momentos históricos do castelo, transportarannos nunha viaxe sensorial ao longo de diferentes épocas desde hai case mil anos.