APROBACIÓN DEFINITIVA DA ORDENANZA REGULADORA DA CREACIÓN DA REDE DE OFICINAS “INFO RÍAS BAIXAS”
Aprobada inicialmente polo Pleno da Corporación provincial da Deputación Pontevedra, en sesión ordinaria de data 23 de febreiro de 2018 a Ordenanza reguladora da creación da rede de oficinas de turismo “Info Rías Baixas”, elévase a definitiva ao non presentarse reclamacións contra a mesma no período de exposición pública e publícase o texto íntegro da mesma ó abeiro do disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local:
“ORDENANZA REGULADORA DA CREACIÓN DA REDE DE OFICINAS DE TURISMO “INFO RÍAS BAIXAS”
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Deputación de Pontevedra ten entre os seus obxectivos a execución, coordinación e impulso de accións de promoción e desenvolvemento do destino rías baixas, apostando por unha oferta turística de calidade mediante a unificación, fomento e seguimento da mesma, mesmo nas actuacións de atención informativa dirixida ao turista ou consumidor final, que ao visitar un destino culmina con este complexo e heteroxéneo proceso.
O Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2017-2020 é unha nova ferramenta da Deputación de Pontevedra articulada desde unha análise e diagnóstico do destino. Dentro do mesmo desenvólvese no punto L.E.1.3 a creación da rede de oficinas de turismo como un alicerce básico para reforzar a prestación dun servizo de calidade, homoxéneo e global do destino. A fase de información é un dos primeiros contactos reais que se teñen no destino, e moi valorado por parte do visitante ao destino e do consecuente grao de satisfacción. Desa boa valoración que pode realizar o consumidor final depende lograr a súa fidelidade así como a divulgación desinteresada dos seus atractivos ante terceiros. A disposición dun servizo público de información turística ben organizado, de calidade, fácil acceso e identificado e con boa imaxe, a través dun sistema de información en rede, resulta fundamental no proceso de modernización das administracións públicas e das actuacións dirixidas directamente aos usuarios turísticos, que debe contribuír ao reforzo da competitividade e á mellora da calidade do servizo público nesta materia.
O Servizo de Turismo da Deputación de Pontevedra conta coas ferramentas de xestión necesarias para dar apoio técnico ás oficinas e puntos de información turística co fin de ofrecer un servizo de calidade aos turistas que chegan á provincia, proporcionar unha imaxe unificada do destino, e contar con datos fiables para realizar un estudo do perfil dos que visitan a provincia para poder impulsar as promocións de destino oportunas e acertadas.
ARTIGO 1.—OBXECTO
A presente ordenanza ten por obxecto a creación e regulación da rede de oficinas de turismo “INFO RIAS BAIXAS” co fin de proporcionar nas oficinas de turismo da provincia de Pontevedra un servizo de atención de calidade, cunha imaxe unificada e unhas características homoxéneas do servizo de atención, mellorando o grao de satisfacción do visitante.
ARTIGO 2.—OFICINAS DA REDE
A rede de oficinas de turismo “INFO RÍAS BAIXAS” está formada polas oficinas de turismo e puntos de información turística cuxa titularidade corresponda á Deputación de Pontevedra.
Así mesmo, poderán formar parte da rede de oficinas as oficinas de turismo e puntos de información turística seguintes:
• Oficinas de turismo e puntos de información turística cuxa titularidade corresponda ás entidades locais da provincia de Pontevedra e entes dependentes delas.
• Oficinas de turismo e puntos de información turística cuxa titularidade corresponda a entidades asociativas, fundacións e outros entes sen ánimo de lucro, legalmente constituídas, que desenvolvan tarefas de información turística.
Para formar parte da rede de oficinas de turismo seguirase o procedemento establecido no artigo 5.
ARTIGO 3.—SERVIZOS E VANTAXES DAS OFICINAS INTEGRADAS NA REDE DE OFICINAS “INFO RÍAS BAIXAS”
• Desenvolvemento dunha imaxe e unha cultura corporativa común para todas as oficinas e puntos de información.
• Utilización de plataformas de xestión, soportes e contidos informativos homoxéneos, facilitadas pola Deputación de Pontevedra, respectando ao mesmo tempo as singularidades de cada municipio e implementación de metodoloxías unificadas na atención ao visitante.
• Coordinación e apoio técnico entre o Servizo de Turismo da Deputación de Pontevedra e as oficinas e puntos de información da provincia adheridos en canto a políticas turísticas e de promoción.
• Cobertura de demandas de información turística actualizada homoxénea e baseados en novos métodos e tecnoloxías.
• Obtención de estatísticas fiables sobre o perfís do turista que visita a provincia co fin de poder definir e implementar unha estratexia de promoción.
• Posibilidade de obter distintivos de calidade.
• Posibilidade de acceder ás axudas convocadas pola Deputación de Pontevedra para a dotación de persoal ou bolsas de práctica laboral con destino ás oficinas e puntos de información turística.
ARTIGO 4.—CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS MÍNIMAS DAS OFICINAS INTEGRADAS NA REDE
• Espazo interior con mobiliario apropiado, contando cunha zona de atención ao público e outra zona de autoservizo ou exposición de material promocional con capacidade suficiente para o material de Turismo Rías Baixas e do municipio no que se sitúe. A oficina deberá ser accesible a persoas con mobilidade reducida, segundo a normativa correspondente e aplicable.
• Espazo de almacén.
• Sinalización adecuada nas principais vías de acceso.
• Equipamento tecnolóxico e informático. Deberá contar como mínimo con ordenador e acceso a Internet para poder acceder ás bases de datos e ás plataformas de xestión de Turismo Rías Baixas.
• Cumprimento da normativa en materia de seguridade e prevención de riscos, así como da normativa sanitaria, especialmente no referente á desinfección, desinsectación e desratización.
• Establecemento dun plan de limpeza das instalación.
ARTIGO 5.—PROCEDEMENTO DE ADHESIÓN Á REDE
As entidades enumeradas no artigo dous poderán solicitar a adhesión á rede de oficinas de turismo.
O procedemento de adhesión iniciarase mediante solicitude do interesado dirixida á Presidenta da Deputación de Pontevedra e presentaranse nos Rexistros e lugares especificados no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común.
A solicitude acompañarase da seguinte documentación:
• Certificado de acordo do órgano de goberno no que se manifeste o interese na adhesión á Rede e se solicite a adhesión á mesma.
• No caso de entidades asociativas, fundacións e outros entes sen ánimo de lucro, copia dos Estatutos.
• Plano de situación da oficina ou punto de información turística.
• Memoria das características da oficina ou punto de información turística. Nesta memoria deberase incluír un inventario do mobiliario, así como fotografías da estrutura e/o materiais.
• Declaración responsable na que se faga constar que a oficina ou punto de información turística cumpre coas características mínimas sinaladas no artigo catro.
Recibidas as solicitudes, o Servizo de Turismo analizarán a documentación e levarán a cabo as comprobacións tendentes a verificar o estado e características da oficina ou punto de información e emitirán un informe sobre a adhesión que, como mínimo, conterá a seguinte información:
• Cumprimento das características mínimas da oficina ou punto de información, recollidas no artigo catro.
• Localización estratéxica da oficina ou punto de información turística no municipio, condicións de accesibilidade e sinalización da mesma.
• Infraestrutura e equipamento básico para desenvolver un servizo correcto e de calidade de atención ao turista.
• Cumprimento do requisito de gratuidade no servizo de información
Á vista do informe técnico, o órgano competente acordará a estimación ou desestimación da solicitude.
No caso de estimarse a solicitude de adhesión, a Deputación de Pontevedra e a entidade solicitante deberán asinar un convenio no que se recollan as condicións da adhesión e as obrigas de ambas partes.
A adhesión terá carácter anual e poderá ser prorrogada tácitamente por períodos anuais ata un máximo de cinco (5) anos en total, salvo renuncia ou denuncia expresa das partes, cun mes de antelación. Para a prórroga, será necesario que exista un informe favorable do Servizo de Turismo da Deputación de Pontevedra sobre o mantemento das características mínimas da oficina ou punto de información turística establecidas no artigo 4.
ARTIGO 6.—OBRIGAS DA ENTIDADE ADHERIDA CON RELACIÓN Á REDE DE OFICINAS
A entidade titular da oficina ou punto de información turística adherida á rede de oficinas de turismo asumirá as seguintes obrigas:
• Mantemento do estado de conservación da oficina ou punto de información turística, realizando as revisións que procedan e reparando as posibles avarías dos equipos.
• Limpeza da oficina ou punto de información turística segundo un plan de limpeza, co fin de garantir unha adecuada calidade na prestación dos servizos.
• Facilitar e colaborar nas accións necesarias para a mellora da sinalización, de ferramentas informáticas no intercambio de información turística.
• Manter en todo momento a imaxe corporativa da rede de oficinas de Turismo Rías Baixas.
• Obter a autorización do Servizo de Turismo da Deputación de Pontevedra para a instalación, utilización e mantemento de calquera outra base de datos turísticos ou ferramentas informáticas distintas ás facilitadas pola Deputación de Pontevedra.
• Facilitar as comprobacións que sexan necesarias, por parte do Servizo de Turismo, para comprobar que o estado de mantemento da oficina ou punto de información se atopa en condicións óptimas.
ARTIGO 7.—INCUMPRIMENTOS
O incumprimento das obrigas relacionadas no artigo 6 dará lugar á exclusión da rede de oficinas, tras a tramitación do correspondente procedemento contraditorio e, en consecuencia, da perda de dereitos derivados da pertenza á mesma.
ARTIGO 8.—RÉXIME XURÍDICO
O funcionamento da rede de oficinas de turismo “INFO RÍAS BAIXAS” rexerase polas seguintes disposicións legais, os seus desenvolvementos posteriores e polas demais normas de pertinente aplicación:
• Lei 7/2011, de 27 de outubro, do turismo de Galicia Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.
• Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia.
• Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
• Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público.
• Real Decreto Lexislativo 781/1986, de 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local.
• Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades Locais.
DISPOSICIÓNS FINAIS
ÚNICA.—Esta ordenanza será publicada no Boletín Oficial da Provincia e non entrará en vigor ata que transcorra o prazo previsto no art. 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, de Bases do Réxime Local.”
Pontevedra, 8 de maio de 2018
A presidenta
María del Carmen Silva Rego
O secretario
Carlos Cuadrado Romay