Impoñentes fortalezas eríxense en fermosos outeiros da provincia de Pontevedra e lémbrannos a grandeza doutras épocas. A súa situación estratéxica serviu de protección e defensa contra os ataques inimigos. Símbolos de poder na Idade Media, hoxe os castelos das Rías Baixas convértense no pasaporte perfecto para iniciar unha viaxe ao pasado e descubrir en primeira persoa a historia deste destino e das familias da alta nobreza que viviron entre os seus muros.
O castelo de Soutomaior é a perla do patrimonio fortificado das Rías Baixas. Testemuña de batallas, intrigas, loitas de poder entre familias nobres, disputas familiares e visitas de grandes personalidades, ao longo da súa historia viviu épocas de grandeza e tamén de ruína. Hoxe, este maxestoso recinto situado ao fondo da ría de Vigo, no municipio de Soutomaior, brilla en todo o seu esplendor e está chamado a converterse nun referente turístico internacional.
E se o castelo é monumental e extraordinario, non o é menos o Xardín de Excelencia Internacional de camelias, de gran beleza e prestixio, no que unha colección de camelias enormemente valiosa, cuxa floración se produce nos meses de inverno, convive con árbores centenarias. Varias sendas permiten coñecer a fondo a súa gran riqueza botánica a través da flor por excelencia das Rías Baixas; un frondoso bosque no que unha capela, un pequeno arroio, extensos viñedos e fermosas vistas acompañan a quen camiña.
Metade fortaleza medieval do século XII, metade palacio neogótico do século XIX, este conxunto arquitectónico que na actualidade vive unha nova época dourada está formado por dúas torres unidas por un edificio habitable e un patio de armas, rodeados por unha dobre muralla.
A musealización do interior, con tecnoloxías para expoñer de forma amena e creativa as súas características, figuras vinculadas e importancia no territorio, supón un salto cualitativo no atractivo dun recinto xa de seu impoñente. Visitar o museo é a opción ideal para descubrir a súa historia. (Prema aquí para coñecer o museo).
Tras os seus muros habitaron personaxes como Pedro Madruga, clave na Galicia do século XV, que algúns estudos sitúan como o verdadeiro Cristóbal Colón; ou María Vinyals, escritora e pioneira da defensa das mulleres nun tempo –finais do século XIX e principios do XX– no que estaban condenadas a un papel de submisión.
Oculta ao fondo da ría para evitar outrora as invasións por mar, e situada nun enclave estratéxico para controlar as comunicacións entre Galicia e o norte de Portugal, emerxe esta fortaleza, propiedade da Deputación de Pontevedra, que harmoniza patrimonio histórico e beleza paisaxística. Convidámosvos a percorrela e a coñecer a historia da provincia.
Máis información aquí.
O castelo de Soutomaior emprende unha nova etapa como referente patrimonial, cultural e turístico da provincia de Pontevedra despois de dez séculos de dominio do territorio ao fondo da ría de Vigo. A impoñente fortaleza conta desde agora cun ambicioso espazo museístico que amosa de maneira entretida e didáctica, cun uso de audiovisuais e outros medios punteiros, información acerca da súa historia, dos e das personaxes ilustres que a habitaron, a súa importancia en Galicia e a integración no seu fermoso contorno paisaxístico.
O proxecto expositivo céntrase en dez eixes: a presenza da fortaleza na contorna desde a súa orixe; o valor da localización para o control do territorio; a destrución por parte dos Irmandiños; o papel dunha figura lendaria coma Pedro Madruga; a fortaleza como centro de poder; a hipótese da orixe galega de Cristóbal Colón; a liñaxe dos Sotomayor; a transformación do castelo nun palacio residencial; a apaixonante figura da escritora e defensora da muller María Vinyals; e as reformas arquitectónicas realizadas ao longo da vida do castelo.
O percorrido, que se inicia unha vez superada a ponte levadiza e que ten unha duración estimada de 45 minutos, realizarase a través das técnicas máis vangardistas de musealización, con sete audiovisuais, recreacións en 3d, videomapping e caixas máxicas. Ademais, alternarase a visita con contidos de carácter didáctico para pór a proba o enxeño, principalmente dos máis pequenos e pequenas.
As caixas máxicas son un dos grandes atractivos deste entretido e ameno itinerario pola fortaleza. A través dun xogo de luces e espellos achéganlles á e ao espectador as formas de vida dalgúns dos personaxes ligados á historia do castelo.
O videomapping, un dos recursos máis sorprendentes de toda a exposición e que se atopa na Torre de Homenaxe, narra a historia de Pedro Álvarez de Sotomayor, coñecido como Pedro Madruga, o lendario nobre vinculado á fortaleza, sobre quen ademais existe a teoría de que podería ser o verdadeiro Cristóbal Colón. Nunha das salas preséntanse as claves sobre a posible vinculación do navegante coa liñaxe dos Sotomayor.
Audiovisuais, fotografías de alta resolución, actuais e históricas, facsímiles de documentos históricos, fitos cronolóxicos, unha maqueta sobre a que se proxectan de maneira cenital diferentes elementos da paisaxe natural e cultural, e tres sobre distintos momentos históricos do castelo, transportarannos nunha viaxe sensorial ao longo de diferentes épocas desde hai case mil anos.
Castelo de Sobroso
Escenario de grandes batallas e rodeado dun contorno paisaxístico singular, o castelo de Sobroso é un dos máximos expoñentes do patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra. Situado no alto dun outeiro en Vilasobroso (Mondariz), a máis de 300 metros sobre o nivel do mar, esta impresionante fortaleza medieval impacta tanto pola súa beleza como polo seu perfecto estado de conservación.
O castelo de Sobroso está custodiado por un gran parque forestal no que conviven árbores autóctonas con outros exemplares, ofrecendo a quen visita o lugar... [SEGUE LENDO]