Sigue a pista do Colombo galego
Unha saga familiar, un cambio de identidade e o primeiro porto de Europa en coñecer o Descubrimento de América. Descobre os lugares que vinculan a Cristovo Colombo coa provincia de Pontevedra.
De onde era Cristovo Colombo? A resposta a este misterio sen resolver podería atoparse, segundo apuntan varias teorías, na provincia de Pontevedra. Visita As Rías Baixas e vive en primeira persoa as fascinantes historias sobre a orixe pontevedresa do explorador máis famoso de todos os tempos.
para non perder ...
- Casa Museo de Colón
- Basílica de Santa María a Maior
- Castelo de Soutomaior
- Porto de Baiona
A bordo da carabela Pinta
A réplica da nave, reconvertida en museo, alberga elementos da época colombina, tanto da cultura cristiá como da indíxena taína. Quen visita a carabela pode contemplala tal como chegou a Baiona en 1493 e revivir a xesta do descubrimento con figuras da tripulación e das e dos indíxenas americanos.Paneis interpretativos, xogos interactivos, reproducións de metais, plantas, alimentos e animais exóticos transportarán 500 anos atrás á e ao visitante.
No municipio de Poio, contiguo á cidade de Pontevedra, a existencia dunha saga familiar Colombo a finais do século XV, da que existe documentación da época, avivou esta crenza. Alí, na fachada da Casa Museo de Colón, descansa un cruceiro coa seguinte inscrición: “Juan Colón R” 1490.
Neste mesmo municipio atoparás un bosque de sequoias, agasallo do goberno americano no ano 1992, cando se conmemorou o 500 aniversario da chegada de Colón a América.
Dise tamén que no estaleiro foi construída a nave Santa María, unha das que partiu en expedición ás Indias en 1492. A finais do verán celébrase en Combarro, na mesmo vila, o Día de Colón.
Na cidade de Pontevedra un paseo polo centro histórico reflicte a pegada do descubrimento do Novo Mundo na súa arquitectura. Nunha das fachadas máis emblemáticas da Boa Vila, a da basílica de Santa María a Maior, acompañan o fermoso rosetón as figuras de Cristovo Colombo e de Hernán Cortés.
A Festa da Arribada de Baiona, de Interese Turístico Internacional, conmemora cada ano a chegada da carabela Pinta en 1493
Unha teoría moi diferente converte o castelo de Soutomaior na próxima parada, xa que se especula con que o nobre Pedro Madruga puido adoptar a identidade de Colombo.
A continuación poderás desprazarte ao sur da ría de Vigo, onde descubrirás Baiona. O 1 de marzo de 1493 chegou a esta vila mariñeira a Pinta para anunciar o Descubrimento de América. O porto de Baiona foi o primeiro de Europa en recibir a noticia.
Cada ano, a primeira fin de semana de marzo, conmemórase esta data coa Festa da Arribada, de Interese Turístico Internacional.