O Día Internacional do Patrimonio trae 7 actividades aos municipios de Pontevedra
A Unesco celebra cada 16 de novembro o Día Internacional do Patrimonio Mundial para conmemorar a firma da Convención do Patrimonio Mundial Cultural e Natural, que tivo lugar en París en 1972. O documento permitiu establecer as bases para protexer o Patrimonio Mundial Cultural e Natural, unha figura outorgada a aqueles bens do mundo con excepcional valor.
A efeméride é unha boa ocasión para lembrar que actualmente se está tramitando a candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade na categoría de ben natural. De prosperar a distinción, Galicia contaría por primeira vez cun ben natural na lista do Patrimonio Mundial, e no contexto estatal converteríase no cuarto parque natural con esta distinción, xunto aos de Garajonay e Teide, en Canarias, e Doñana, en Andalucía.
A celebración do Día do Patrimonio tamén serviu para que diversos colectivos agrupados na Rede Galega do Patrimonio Cultural haxan proposto de maneira conxunta toda unha serie de actividades para poñer en valor os recursos locais e reivindicar a súa protección. A programación convídanos a realizar sete actividades nas Rías Baixas, entre as que figuran rutas ao aire libre e visita a obras de arte.
Actividades na provincia
Presentamos a continuación os actos previstos na provincia de Pontevedra:
- Arbo: a Asociación Profesional de empresas de Conservación e Restauración de Bens Culturais (CRG) organiza o 18 de novembro unha visita comentada a unha das súas intervencións, neste caso, sobre as pinturas murais da igrexa de Santa Mariña de Sela.
- Cuntis: a Fundación Terra Termarum Castrolandín en colaboración coa asociación Amigos dos Castros de Cuntis organiza o 19 de novembro unha ruta polos castros e os principais bens culturais do municipio. A actividade comezará ás 10: 00 h no Centro de Interpretación de Castrolandín. Máis información: visitas@castrolandin.es
- Marín: a asociación Monte Pituco organiza unha ruta polo monte de San Xulián o 25 de novembro para visitar os conxuntos rupestres da Carrasca e Champás, especialmente os gravados que foron recentemente descubertos e atópanse en proceso de catalogación. Os guías serán o naturalista e experto en patrimonio Paulo Troitiño, a xornalista Paz Castro e Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo.
Por outra banda, a Asociación Profesional de empresas de Conservación e Restauración de Bens Culturais organiza o 17 de novembro unha visita comentada á Igrexa de Santo Tomé de Marín, na que se poderá admirar a intervención sobre a pintura mural e o retablo da cabeceira románica.
- Mos: a asociación Festa da Prehistoria propón unha visita ao petróglifo Laxe das Cruces, na parroquia de Louredo. A roca está situada na ladeira do monte Galleiro e estivo a piques de desaparecer por mor dos incendios de outubro. A visita servirá para comprobar os traballos de protección e recuperación da peza. O colectivo dará a coñecer a data concreta da súa actividade en Facebook.
- Pontevedra: a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia ofrece unha clase de portas abertas sobre a importancia do oficio de restauración e conservación, o 16 de novembro, na súa sede.
- Vigo: a Asociación Cultural Ponte nas Ondas organiza desde o Museo do Mar de Vigo un programa radiofónico con escolares, sobre o Pergamiño Vindel. Será o 17 de novembro.
Os detalles de cada unha das actividades poden consultarse na web Rede Patrimonio.