Lalín rebosa na súa Feira do Cocido ao recibir a máis de 60.000 persoas
Un Lalín abarrotado celebrou onte unha nova edición da súa festa máis coñecida, a Feira do Cocido. Rúas e restaurantes enchéronse nunha xornada na que a cita -de interese turístico nacional- alcanzou o seu número 49. As cifras de visitantes non defraudaron. En concreto, unhas 60.000 persoas acudiron ata a cabeceira dezana, convertida unha vez máis en capital gastronómica e templo dun dos pratos máis afamados da cociña galega.
A contorna das rúas Principal, Loriga e Praza da Igrexa foi un dos epicentros da xornada. Entre os actos máis aplaudidos, destacaron o pregón ofrecido polo televisivo Roberto Vilar, a entrega do premio Aldea Singular -que recaeu en Zobra-, actuacións musicais, desfiles de comparsas ou exposición e venda de produtos locais. Todas estas actividades sumáronse aos numerosos eventos e propostas celebradas, con anterioridade, no marco deste certame.
Xa ao mediodía, era nos restaurantes locais onde xa non cabía un alfinete. Miles de comensais sentaron á mesa, auténtico altar do Cocido de Lalín. O Cocido Solidario, pola súa banda, reuniu -nesta ocasión- a unhas duascentas persoas. Xunto á proposta gastronómica e lúdica, o bo tempo xogou a favor da Feira do Cocido nunha xornada de sol e temperaturas moi agradables.