Os petróglifos de Rías Baixas localizables por unha nova aplicación

Acábase de lanzar unha nova aplicación móbil dispoñible tanto para Android como para iOs, que farán as delicias de todas as persoas afeccionadas á arqueoloxía, ou á procura destes vestixios do pasado. A iniciativa xorde dunha mancomunidade de municipios, Terras de Pontevedra, na que se recollen todos os gravados rupestres dos concellos agrupados. Estes son Vilaboa, Pontevedra, Ponte Caldelas, Poio, Marín, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Barro e A Lama, pertencentes principalmente á Comarca de Pontevedra.
Unha vez descargada a aplicación e despois dunha breve introdución, as e os usuarios poderán acceder ao apartado de centros arqueolóxicos ou ao das áreas arqueolóxicas. O primeiro expón información relevante sobre os catro centros de interpretación dedicados a estes depósitos rupestres. Unha ficha que inclúe o municipio onde se localiza, tipo de exposición, tipo de xacementos, horarios, páxina oficial, información de contacto e un mapa para geolocalizalo directamente e abrilo con Google Maps ou a nosa aplicación de GPS preferida, así como tamén un audio explicativo sobre o centro, a contorna e os gravados para visitar.
Os centros en concreto son os de Tourón, Mogor, A Caeira, e o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre Campo Lameiro (PAAR), este último recibido como "dos máis destacados conxuntos de arte rupestre ao aire libre do continente europeo".
En canto ao apartado das áreas arqueolóxicas, divide ditas áreas entre os 9 municipios. Accedendo a cada un destes espazos teremos a posibilidade de apreciar cada un dos petróglifos a través de imaxes, que unha vez que facemos clic sobre elas permitirannos coñecer máis sobre os mesmos. Información sobre o petróglifo, o seu descubrimento, a súa morfoloxía, máis imaxes se as houbese e a súa localización para dirixirnos a ela directamente a través dun GPS se o desexásemos.
A aplicación destaca pola súa facilidade de uso, polo seu coidado e atractivo deseño e pola posibilidade de achegarnos a estes bens históricos dos nosos montes
Outra útil opción é o mapa xeral, o cal nos permite obter unha vista completa de todos os achados, e desta maneira saber a súa localización e elixir a cal deles queremos acceder ou dirixirnos.
Aínda que estes serían os apartados principais, dispón a maiores dunha serie de consellos sobre a visita a estas litografías, outra información necesaria sobre os lugares nos que se atopan e unha Yincana na que che reta a ir descubrindo os diferentes gravados e desta maneira obtendo puntos a modo de gamificación.
Ademais do castelán, a aplicación está dispoñible tanto en galego como en inglés e pódese visitar na súa versión web. As ligazóns de descarga son os seguintes: para Android e para iOs.