Ruta literaria polos escenarios de Domingo Villar
Prepara a túa viaxe polas praias, costumes e iconas arquitectónicas da ría de Vigo da man do inspector Leo Caldas
«A pesar de que varios séculos de azoute viquingo despoboaran a franxa litoral da península do Morrazo, a igrexa parroquial de Tirán fora levantada a finais do século XII sobre un cantil rochoso ao bordo do mar. […] Á fronte, na outra beira da ría, a cidade de Vigo aparecía tendida como un animal durmido ao bordo da auga».
Desta evocadora forma presentaba o escritor Domingo Villar os escenarios principais da súa novela O último barco. As dúas beiras da ría de Vigo centran a investigación do último asasinato a cargo do veterano inspector Leo Caldas. Tras resolver con éxito dous casos anteriores que transcorren entre Vigo e Nigrán e que chegaron ao público baixo o título de Ollos de auga e A praia dos afogados, nesta última entrega da saga a trama principal conta a historia dunha viguesa que marcha a vivir a Moaña na procura de tranquilidade e espectaculares paisaxes.
non deixes de ver ...
- Igrexa San Xoán de Tirán (Moaña)
- Mirador da Mona (Moaña)
- O Ensanche de Vigo
- Templo Votivo (Nigrán)
Os libros de Villar son unha invitación a coñecer o territorio literario no que habitan os seus personaxes. O último barco, o seu último superventas, mantén o lector en tensión constante tras a pista de Mónica Andrade. Caldas avanza na súa investigación entre a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) de Vigo, un edificio do Ensanche encargado a Pacewicz, e os arredores da igrexa de Tirán (Moaña), onde se narran escenas chave e se desvela o gran misterio que rodea á protagonista.
O interese espertado polo preciosista relato de Villar deu pé a varias rutas literarias por Moaña que parten do templo románico de San Xoán de Tirán, á beira da ría de Vigo, e continúan polo miradoiro da Mona, a praia de Videira, a fonte do Cristo das Boas Augas e chegan ata a cova da Lontra. Dela, cóntase no libro que «está habitada por unha lontra que desgarraba as redes dos mariñeiros para comer a pesca».
Villar describiu con detalle a forte vinculación do barrio coa pesca, a ría de Vigo e o constante fluxo de persoas entre ambas as beiras. Tamén é capaz de evocar sensacións tan particulares coma a brisa que golpea os protagonistas ao cruzar en coche a ponte de Rande, que define a silueta da ría de Vigo e é o nexo de unión entre os dous escenarios da trama.
Unha lingua de terra entre acantilados
Monteferro é unha lingua de terra que penetra no mar rodeada de acantilados. Ao noroeste levántanse os restos dunha base militar abandonada e no alto da ladeira, a 147 metros sobre o nivel do mar, atópase un gran monumento granítico na honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Ademais do seu rico patrimonio histórico, tamén se descubriu na zona un depósito arqueolóxico de restos romanos. Trátase, así mesmo, dun lugar con vistas excepcionais para gozar dun formidable atardecer fronte ás Cíes.
O último barco é unha viaxe paisaxística e emocional polos vínculos que unen Vigo e Moaña, a diferenza de A praia dos afogados, que transcorre en Panxón (Nigrán) e constitúe un tratado sobre a pesca artesanal nas Rías Baixas.
A elección de escenarios nunca é casual. Nigrán foi o lugar de veraneo do escritor vigués durante máis de tres décadas.
O coidado polos detalles e o agarimo co que se describen os escenarios converten A praia dos afogados nun pretexto inmellorable para organizar unha escapada ao sur da provincia de Pontevedra.
O punto de partida é a aparición do cadáver do mariñeiro Justo Castelo na praia da Madorra. As pescudas levan a Caldas ao Bar Refugio del Pescador, que sintetiza á perfección o carácter da xente do lugar, o Templo Votivo do Mar e permítenlle vivir un inesquecible atardecer en Monteferro con vistas ás Estelas e Cíes.
Ademais de boas historias sempre trazadas ao bordo do mar, as lectoras e lectores atopan nos libros de Villar información sobre o patrimonio local e unha lista moi persoal con recunchos pouco coñecidos do litoral das Rías Baixas. Agora só queda responder a esta invitación literaria e seguir os pasos de Leo Caldas.