Fiestas en Rías Baixas

Belén Artesanal de Valga: un mundo en miniatura

En 2021 o nacemento incorpora escenas relacionadas co volcán de Palma, a vacinación masiva e os xogos olímpicos

O Belén Artesanal en Movemento de Valga é unha das composicións máis impresionantes do Nadal en Galicia. Realízase desde o ano 1995 e foi declarado Festa de Interese Turístico pola súa orixinalidade, creatividade e interese por preservar as tradicións. Conta con preto de 4.500 figuras talladas de forma artesanal que representan escenas típicas do Nadal e acontecementos da actualidade política e social. A súa singularidade respecto a outras creacións da provincia de Pontevedra é que representa o nacemento en movemento e dentro do contexto dunha aldea galega.

O traballo na asociación cultural Amigos do Belén arrinca en setembro coa intención de ter todo a punto para a apertura o primeiro domingo de decembro. As figuras e decorados están feitos de papel, escaiola, pasta de modelar, arame, madeira, pedra e diferentes tipos de teas.

O Belén de Valga ocupa 250 m² e para facelo realidade precísanse varias bombas de auga, unhas 8.000 lámpadas e pequenos motores reutilizados de artigos coma limpaparabrisas ou cepillos de dentes eléctricos. Grazas a uns 30.000 m de cables, as figuras realizadas a man polas veciñas e veciños cobran vida ata a segunda semana de xaneiro e atraen miles de visitantes cada ano.

 

O volcán, a pandemia e os xogos olímpicos

Esta edición ten como principais novidades o volcán de Palma, o proceso masivo de vacinación e mantéñense escenas da pandemia da COVID-19, que ocupa toda unha sección do belén, desde que chegaron de Wuhan as primeiras noticias sobre o novo virus ata o desabastecemento de papel hixiénico, o colapso dos hospitais, o COVID-auto ou os problemas nas residencias de maiores. 

O belén tamén aborda a actualidade política e recolle a vitoria de Joe Biden nos Estados Unidos e a resistencia de Trump a abandoar o poder. Tamén demostra un profundo coñecemento da crónica de sociedade e incorpora a personaxes coñecidos do mundo do espectáculo, a política ou a cultura.

belendevalga1

belendevalga2

Reproduce nevadas e tormentas

O Belén de Valga é cen por cento artesanal, pero non renuncia á tecnoloxía. A máis elemental serve para poñer en movemento as famosísimas figuras e con ferramentas máis avanzadas incorpóranse xogos de luz e son. Con medios informáticos e unha coidada programación simúlanse as distintas fases do día e fenómenos meteorolóxicos coma nevadas e tormentas. Os personaxes están en continuo movemento e as xornadas transcorren desde o amencer ata a noitiña.

A páxina de Facebook do Belén dá fe da admiración que este esperta. As súas seguidoras e seguidores destacan a espectacularidade e orixinalidade da composición e animan a veciñanza a ampliala cada ano.

belendevalga3
belendevalga4

Cando se pode visitar?

O Belén de Valga está exposto ao público desde o primeiro domingo de decembro ata a segunda semana de xaneiro. Pódese visitar de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; os sábados, de 17:00 a 20:30 horas; e os domingos e festivos, de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas.

Os colexios, asociacións e outros grupos poden concertar as visitas chamando ao número de teléfono 630 952 515.