Fiestas en Rías Baixas

Festas

Galegas

Maratón de citas gastronómicas

Tradición e cociña maridan á perfección nos eventos de interese galego

As Rías Baixas é a terra das mil festas, onde a gastronomía ocupa un lugar especial. Dos 47 eventos de Interese Turístico de Galicia a metade réndenlles tributo á materia prima e á cociña da provincia de Pontevedra. Tradición, historia e espiritualidade tamén teñen unha importante presenza neste espléndido calendario festivo. Non perdas ningunha cita!

A ancestral Danza de San Sebastián, en Cangas, abre o pano en xaneiro. Madamas con espectaculares vestimentas e elegantes galáns bailan no atrio da igrexa da parroquia de Aldán nesta popular, tradicional e espectacular cita.

Desfiles de comparsas, enterros de figuras míticas e moita imaxinación poboan a provincia no Entroido. Lugar especial ocupan o Entroido de Cobres (Vilaboa), coa súa colorista danza tradicional, e os Xenerais da Ulla, que percorren dacabalo os municipios do norte da provincia con vistosos traxes e se baten en duelo… dialéctico.

Fiesta de la Langosta

Cuntis degusta un dos grandes produtos de inverno, o lacón con grelos, Pontevedra fai o propio co caldo de Mourente, Bembrive (Vigo) rende honra a San Blas, e As Neves homenaxea ao delicioso requeixo con mel. En Tui celébrase a tradicional festa do seu patrón, San Telmo.

A famosa ostra de Arcade saboréase en abril, e nestas datas ten lugar en Meiro (Bueu) a degustación do millo corvo. A Semana Santa, pola súa banda, conta con dúas grandes manifestacións na provincia de Pontevedra: Cangas, onde destacan as magníficas tallas articuladas, e Paradela (Meis), cunha espléndida escenificación.

O lacón é, xunto ao cocido, o producto estrela do inverno, mentres que no verán celébrase un sinfín de festas de productos do mar

O galo de curral (Vila de Cruces) protagoniza outra das grandes festas da primavera, do mesmo xeito que os dous eventos que homenaxean suculentos peixes de río como a troita (Ponte Caldelas) e o salmón (A Estrada). O saboroso choco recibe tributo nunha espléndida cita en Redondela, e a vistosa Festa da Rosa é outro estupendo evento que ten lugar por estas datas en Mos.

O Corpus Christi conta con varias impresionantes manifestacións nas Rías Baixas; xunto á de Ponteareas, de Interese Internacional, destacan o Corpus de Bueu e a Festa da Coca de Redondela, con mestura de relixión e lenda, ambas as dúas de Interese Turístico de Galicia. Nesta época do ano outra cita popular é a Romaría das Pascuillas da Franqueira (A Cañiza). E xa a finais de mes, a Romaría do Corpiño, en Lalín, unha das últimas celebracións en lograr a declaración de festa de interese turístico de Galicia. Devotas e devotos procedentes de toda Galicia danse cita cada 24 de xuño na parroquia de Losón.

No verán arrinca unha auténtica ladaíña de eventos. As Festas da Vieira (Cambados), a da Lagosta (A Guarda), a do Viño do Rosal e a do Carneiro ao Espeto (Moraña), fan destes produtos os protagonistas na mesa en xullo. A estas únense as tradicionais de San Benitiño de Lérez (Pontevedra) e a do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas (Vigo). Xullo pecha o día 29 cunha das máis singulares celebracións relixiosas da comunidade, a Romaría de Santa Marta de Ribarteme, tamén coñecida coma a romaría dos “non mortos”, debido a que as persoas que se ofrecen á Virxe realizan a procesión dentro de cadaleitos abertos.

  •  
    Festa do Lacón con Grelos (Cuntis)
  •  
    Millo Corvo (Bueu)
  •  
    Feira Franca (Pontevedra)
  •  
    Festa da Empanada de Bandeira 
  •  
    Danza de San Sebastián (Aldán)
  •  
    Festa do Choco (Redondela)
  •  
    Xenerais da Ulla
  •  
    Romería das Pascuillas de A Franqueira (A Cañiza)
  •  
    Galo de Curral (Vila de Cruces)
  •  
    Viño do Condado de Tea (Salvaterra do Miño)

Agosto é un festival gastronómico continuo, celébranse festas coma a da Tortilla de Laro (Silleda), a do Viño do Condado do Tea (Salvaterra de Miño), a do Mexillón e do Berberecho (Vilanova de Arousa), a da Ameixa do Carril (Vilagarcía de Arousa), a da Lamprea seca en Arbo, a do Xamón da Cañiza, a da Anguía e a Mostra da Caña do País (Valga), nas que se degustan estes produtos autóctonos nesta tempada. A estas citas únense as Festas do Monte da Guarda, a Malla Tradicional de Lalín, a Danza de San Roque do Hío (Cangas), a Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes e o Descenso Internacional do Río Miño (Tui).

Setembro vén cargado tamén de importantes celebracións. Non debedes perder a histórica Feira Franca de Pontevedra, as fermosas Danzas Ancestrais de Darbo (Cangas), a tamén colorista Danza das Espadas, nas Festas de San Miguel de Marín, e a popular Romaría da Virxe da Franqueira, na Cañiza.

O último tramo do ano ten como eventos claves a Festa de San Martiño de Moaña, en novembro, onde se degusta viño da casa nos furanchos, e o impresionante Belén Artesanal en Movemento de Valga no Nadal, con máis de 4.000 tallas.

Apuntádeo nas vosas próximas escapadas e vide gozar das festas nas Rías Baixas!