Fiestas en Rías Baixas

Festas

Internacionais

Arte, historia, e culto ao albariño e o cocido

Viaxa no tempo coas festas de maior recoñecemento nas Rías Baixas

Queres probar o mellor cocido? Viaxar á época do Descubrimento de América? Presenciar un desembarco viquingo? Asistir á loita ancestral entre seres humanos e cabalos? Degustar o príncipe dos viños galegos? Admirar as espléndidas formas das flores sobre rúas enteiras? Ou catar un primitivo e saboroso peixe de río? O teu lugar é As Rías Baixas.

Feira do Cocido (Lalín)

Lalín é a capital mundial do cocido no inverno. A festa comezou en 1968 como unha xornada de exaltación gastronómica, e co tempo prolongouse o evento ata abarcar todo un Mes do Cocido. A vila da comarca de Deza convoca a decenas de miles de persoas para degustar o saboroso manxar, unha receita cunha ducia de ingredientes que, perfectamente combinados, poñen sobre a mesa o mellor cocido. [+ info]

A Arribada (Baiona)

A festa medieval por excelencia nas Rías Baixas organízase en Baiona e recrea o anuncio do Descubrimento de América tras a chegada, o 1 de marzo de 1493, da Carabela Pinta con Martín Alonso Pinzón ao mando. Cabaleiros, damas, artesáns, ferreiros, bufóns, mesoneiras e mesoneiros, cíngaras e outros personaxes da época toman a Real Vila, á que acoden decenas de miles de persoas para divertirse nesta espectacular viaxe no tempo. [+ info]

Festa da Lamprea (Arbo)

A ancestral lamprea, un dos peixes máis primitivos da terra, con 500 millóns de anos de antigüidade, baixa polo Miño ao mar e remonta o río ao final da súa vida para morrer. En Arbo celébrase a festa de degustación de referencia deste prezado manxar. Prepárase en diferentes variedades e o evento é tamén un escaparate dos produtos de calidade das comarcas do Condado e da Paradanta. [+ info] 

Alfombras florais de Ponteareas

A tradición a principios do século XIX de confeccionar pequenas alfombras ao paso da procesión do Corpus en Ponteareas deveu nunha gran festa turística de arte efémera na que colabora toda a veciñanza. Máis de 5.000 m 2 de colorido pavimento floral elaborado con flores colleitadas durante todo o ano engalanan a vila. Unha festa para gozar coa vista, o tacto e o olfacto. [+ info]

Rapa das Bestas (A Estrada)

O espectáculo que atrae a fotógrafas e fotógrafos de todo o mundo pola súa vistosidade nace da tradición do século XVIII de desparasitar as bestas. As e os aloitadores de Sabucedo (A Estrada) non empregan cordas, varas nin ningún outro instrumento para reducir aos cabalos; fano coa súa propia mestría e forza. As mandas pacen libres no monte durante todo o ano. [+ info]

Romaría Viquinga (Catoira)

Os viquingos, a bordo dos seus drakkars, desembarcan cada verán sedentos de festa ao pé das Torres de Oeste, en Catoira. Miles de persoas acoden cada ano ao espectáculo teatral que rememora un episodio con máis de mil anos de historia. O evento é un símbolo de numerosos pobos da Europa atlántica vinculados ás incursións viquingas. [+ info]

Festa do Albariño (Cambados)

A grande homenaxe ao príncipe dos viños galegos, o albariño, atrae a Cambados decenas de miles de persoas. A súa orixe remóntase a un concurso entre adegas da zona que coinciden coa festividade da Virxe da Pastora, patroa desta localidade do Salnés. Hoxe é unha festa con gran prestixio, coma os caldos da Denominación de Orixe Rías Baixas , e mostra a estreita vinculación de Cambados coa cultura vitivinícola a través de decenas de actividades en todos os ámbitos. [+ info]