Fiestas en Rías Baixas

Festas

Festa da Tortilla de Laro

A tortilla conquista Silleda

O clásico prato degústase en múltiples variedades nesta popular festa

Cada ano, o primeiro venres do mes de agosto, a localidade de Laro, en Silleda, desprende aroma a gastronomía tradicional. Desde 1989, neste punto do norte das Rías Baixas, grupos de amigos e familias reúnense para gozar dun dos pratos máis sinxelos e aclamados da cociña española: a tortilla; en concreto, a popular tortilla de Laro.

Esta celebración, declarada de Interese Turístico de Galicia en 2013 coincidindo co seu 25 aniversario, reúne cada ano máis de 10.000 comensais no citado municipio pontevedrés. A receita é sinxela: patacas, ovos, un toque de sal e, se se quere, cebola. Ao redor da mesa, a diversión está asegurada. Así, o que nun principio comezou como unha reunión na que os protagonistas eran uns cantos centos de persoas, hoxe deu paso a un evento de referencia no que as persoas se contan por miles.

Tortilla de Laro

Decenas de grupos danse cita para cear na carballeira do Castro, escenario dunha festa na que se reparten máis de 2.000 racións de tortilla. Xunto a esta cea, moitos son os atractivos desta romaría en honor á tortilla: a lectura do pregón, o concurso de tortillas, a degustación, as poxas e as actuacións musicais de grupos e orquestras que animan a noite.

Algunhas das variedades de tortilla que se poden atopar en Laro son a de bacallau, pementos, carne ou gambas. Veciños e hostaleiros afánanse, edición tras edición, por presentar a receita máis orixinal. Deste xeito, cada quen leva a súa comida para vivir a experiencia de comer no campo e na mellor compañía.

Plans no norte das Rías Baixas

Monasterio de Carboeiro
Vilatuxe

Coñecidas pola súa excelente gastronomía, as comarcas do norte da provincia coma Deza ou Tabeirós-Terra de Montes ofrécenlle ao visitante unha infinidade de posibilidades turísticas. Se o que se busca é afastarse do bulicio propio das zonas costeiras, son sen dúbida a opción ideal. Poderás descansar nalgunha das numerosas casas de turismo rural da zona e perderte en espazos naturais que te sorprenderán: a serra do Candán ou a praia fluvial de Vilatuxe son dous lugares tan diferentes coma memorables.

Outras festas gastronómicas de Trasdeza

Xunto á tortilla, outros pratos dan forma en terras de Trasdeza –como se coñece tamén a Silleda– a distintas festas gastronómicas. É o caso da empanada, que se festexa na Bandeira, desde 1974, cada terceiro sábado de agosto e que foi declarada tamén de Interese Turístico de Galicia. A rosquilla, o lacón, a castaña, a paella e a carne ao caldeiro son os protagonistas doutros eventos culinarios máis pequenos pero igual de aplaudidos neste municipio das Rías Baixas.