Primeira. Obxecto
Constitúe o obxecto destas bases aprobar e regular a convocatoria pola que se rexen as solicitudes de participación nos Premios Turismo Sostible Provincia de Pontevedra.
A participación e a concesión dos premios efectuaranse en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, así como os de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
Segunda. Finalidade
Estes premios pretenden contribuír ao desenvolvemento do turismo sostible da provincia de Pontevedra e recoñecer as tres mellores propostas para concienciar de que un turismo sostible é posible.
Así mesmo, axudan a impulsar modelos sostibles no sector identificando entidades e profesionais que transformen e contribúan a mellorar a oferta turística na provincia. Ademais, os Premios Turismo Sostible danlles resposta ás inquietudes das e dos turistas responsables e conciencian as e os viaxeiros sobre o potencial de cambio e inclusión que supón facer turismo de maneira sostible.
Desta forma, con estes premios preténdese o seguinte:
• Recoñecer as actuacións de sostibilidade destacables das empresas e das entidades da provincia de Pontevedra, a súa contribución ao desenvolvemento social e económico, e ao benestar, á educación e á cultura da sociedade
• Distinguir as mellores actuacións ligadas á sostibilidade
• Sensibilizar o sector turístico e as e os visitantes da necesidade das actuacións sostibles para así animar a perseverar nelas e para que sirvan de modelo e de exemplo
• Concienciar as empresas, as entidades e as persoas da importancia de incidir nun cambio de actitudes sociais dirixido a buscar unha maior cohesión social e territorial
• Identificar actitudes e accións que poden servir de exemplo para o resto de empresas
• Premiar aquelas empresas e entidades vinculadas ao mundo do turismo que estean realizando boas prácticas neste ámbito
Terceira. Natureza dos premios, recoñecemento e uso da imaxe vinculada a estes
A Deputación de Pontevedra e o Servizo de Turismo Rías Baixas, mediante a convocatoria da primeira edición dos Premios Turismo Sostible Provincia de Pontevedra, outorgarán tres recoñecementos públicos.
Os premios teñen carácter honorífico e o seu outorgamento contribuirá ao recoñecemento social e profesional da persoa ou entidade galardoada no sector turístico, polo que, en consecuencia, carecen de dotación económica.
Estes recoñecen o traballo e o esforzo realizados no período que abarca do 1 xaneiro de 2019 ao 31 de novembro de 2022 en favor do turismo sostible. Está dirixido a profesionais, persoas autónomas e entidades, tanto públicas coma privadas, do sector turístico da provincia de Pontevedra.
Concederanse tres premios cunha única categoría de Premio Turismo Sostible Provincia de Pontevedra:
• Primeiro premio
• Segundo premio
• Terceiro premio
Estes entregaranse de forma pública no marco dos actos organizados pola Deputación de Pontevedra o día da gala de entrega dos distintivos SICTED (Sistema integral de calidade turística española en destinos da Secretaría de Estado de Turismo do Goberno de España). Concederáselles un diploma acreditativo, por parte da Deputación de Pontevedra, ás e aos premiados na primeira edición dos Premios Turismo Sostible Provincia de Pontevedra.
A obtención do premio habilita a persoa premiada a usar a imaxe deste mediante publicidade desa condición en cabeceiras, anuncios e memorias, así como en calquera outro soporte de comunicación en liña e fóra de liña, nas mensaxes de correo electrónico, nas redes sociais ou en páxinas web propias. Deberase especificar a modalidade do premio obtido e tamén o ano da súa concesión. Para os efectos do recollido neste parágrafo, Turismo Rías Baixas facilitaralles ás persoas premiadas a imaxe dos premios en formato dixital e o manual de uso desta.
A Deputación de Pontevedra daralles difusión ás entidades premiadas a través do portal web Turismo Rías Baixas, onde se habilitará un espazo para recoñecer e difundir as actuacións premiadas cada ano.
Cuarta. Ámbito subxectivo
Poderán presentar solicitudes para participar neste procedemento todas as persoas xurídicas ou empresarias e empresarios individuais que sexan titulares ou presten servizos turísticos, con sede social na provincia de Pontevedra ou que, como mínimo, realicen parte da súa actividade nela.
As persoas solicitantes deberán prestar servizos nalgunha das seguintes categorías:
1. Axencias de viaxes
2. Albergues
3. Aloxamentos rurais
4. Aluguer de vehículos e embarcacións
5. Aparcadoiros turísticos
6. Artesanía
7. Atracadoiros de cruceiros e ferris
8. Bares e cafeterías
9. Bodegas
10. Cámpings e áreas de autocaravanas
11. Campos de golf e campos de pitch and putt
12. Comercios
13. Convention bureau
14. Escolas de español para persoas estranxeiras
15. Espazos para turismo de reunións
16. Espazos protexidos
17. Experiencias e obradoiros turísticos
18. Guías de turismo
19. Hoteis e apartamentos turísticos
20. Museos e centros de interese turístico visitables
21. Oficinas de información turística
22. OPC
23. Parques de ocio
24. Praias
25. Portos deportivos
26. Restaurantes e empresas turísticas de cátering
27. Seguridade cidadá
28. Taxis
29. Transporte turístico
30. Turismo activo
31. Turismo de benestar
32. Turismo industrial
33. Vivendas de uso turístico
O período temporal no que se enmarcarán os proxectos ou as prácticas que se van presentar abarca desde o 1 de xaneiro de 2019 ao 31 de outubro de 2022, polo que as evidencias documentais (coma, por exemplo, facturas, certificados etc.) deben estar datadas nese período.
Quinta. Lugar e forma de presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na
Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal), de acordo co establecido nos artigos 14.2, 14.3 e 16 da LPACAP.
Para a presentación das solicitudes a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).
Só se admitirá unha única solicitude por cada entidade solicitante.
Sexta. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao do da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).
Sétima. Comprobación de datos
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas que se detallan a continuación:
- NIF da persoa solicitante
- DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante
- Domicilio fiscal da entidade solicitante
- Certificación de alta no censo de empresarios e profesionais, no seu caso
- Certificación de estar ao corrente das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), coa Facenda autonómica de Galicia (ATRIGA), coa Deputación de Pontevedra e coa Seguridade Social
Se as persoas interesadas se opuxesen ás devanditas consultas, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.
No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, antes de formular a proposta de resolución.
Oitava. Documentación
As entidades deberán achegar a solicitude de participación, dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal), na que deberán completar a información relativa á actividade que realizan, así como a descrición dos proxectos en materia de sostibilidade desenvolvidos.
No caso de que a persoa solicitante sexa unha Administración pública prestadora do servizo, deberá achegar un documento da persoa titular da secretaría ou do órgano competente no que se certifique a titularidade do servizo.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade da información facilitada. Excepcionalmente, a Deputación de Pontevedra poderá requirir información ou documentación adicional co obxecto de comprobar a información facilitada.
Novena. Solicitudes e trámites administrativos posteriores á súa presentación e emenda destas
Se a solicitude non reunise os datos esixidos na convocatoria ou calquera dos previstos no artigo 66 da LPACAP, requiriráselle á persoa interesada, de conformidade co establecido no artigo 68 desta lei, que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, e indicaráselle que, se non o fai, se terá por desistida a súa solicitude, que se arquivará sen máis trámites.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento faranse por medios electrónicos a través do modelo “2887054 Trámites administrativos xenéricos distintos da solicitude”, dispoñible en https://sede.depo.gal.
A Sede electrónica ten dispoñibles unha serie de modelos xenéricos que as persoas interesadas poden utilizar para realizar as xestións máis habituais durante a tramitación administrativa (representación, emenda da solicitude, alegacións, renuncia ou recursos, entre outros). Estes modelos son comúns para os distintos procedementos e poderán empregarse sempre que a normativa reguladora do procedemento concreto para o que se vaian utilizar non estableza outros modelos específicos. Os modelos xenéricos poderán descargarse para anexalos a unha solicitude ou para realizar trámites sobre outros expedientes e presentalos electrónica ou presencialmente segundo a normativa reguladora do procedemento do que se trate. No formulario deberá indicarse, no seu caso, o procedemento para o que se está a realizar o trámite. Os modelos están dispoñibles en: https://sede.depo.gal/web/public/dynamic/catalogo/tramitesxenericos.
Décima. Notificacións
As notificacións de resolucións e outros actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As notificacións practicaranse a través da Carpeta Cidadá e de Dirección Electrónica Habilitada única (DEHú). Ambos os sistemas son accesibles desde a Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal).
As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se acceda ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a este.
O sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico indicada na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación se considere plenamente válida.
Décimo primeira. Valoración das solicitudes
A valoración das candidaturas presentadas realizarase mediante un procedemento de concorrencia competitiva, no que se terá en conta que estas contribúen a facer do turismo un catalizador de cambio positivo nos ámbitos da sostibilidade.
Os criterios de valoración son os seguintes (a puntuación máxima será de 100 puntos):
1. Economía circular e crecemento económico sostible (ata 10 puntos)
a. Posta en marcha de 1 acción relacionada coa economía circular: 2 puntos
b. Posta en marcha de 2 accións relacionadas coa economía circular: 4 puntos
c. Posta en marcha de 3 accións relacionadas coa economía circular: 6 puntos
d. Posta en marcha de 4 accións relacionadas coa economía circular: 8 puntos
e. Posta en marcha de 5 accións relacionadas coa economía circular: 10 puntos
2. Fomento da mobilidade sostible (ata 10 puntos)
a. Posta en marcha de 1 acción relacionada coa mobilidade sostible: 2,5 puntos
b. Posta en marcha de 2 accións relacionadas coa mobilidade sostible: 5 puntos
c. Posta en marcha de 3 accións relacionadas coa mobilidade sostible: 7,5 puntos
d. Posta en marcha de 4 accións relacionadas coa mobilidade sostible: 10 puntos
3. Aliñamento da candidatura presentada cos ODS. Entre eles: fomentar o turismo responsable e respectuoso co destino entre turistas, empregadas e empregados, provedoras e provedores ou a comunidade local; por exemplo, mediante a difusión de códigos de condutas ou a realización de accións de sensibilización, entre outros (ata 10 puntos)
a. Aliñamento con 1 ODS: 2 puntos
b. Aliñamento con 2 ODS: 4 puntos
c. Aliñamento con 3 ODS: 6 puntos
d. Aliñamento con 4 ODS: 8 puntos
e. Aliñamento con 5 ODS: 10 puntos
4. Sobre a execución e os resultados dos proxectos sostibles realizados, deberanse indicar as melloras obtidas tras a implantación e cuantificalas na medida do posible; entre elas: a existencia de máis de cinco boas prácticas ambientais definidas e documentadas, coñecidas por todas e todos os traballadores e aplicadas con carácter xeral (ata 10 puntos)
a. 1 mellora obtida e a súa cuantificación: 2 puntos
b. 2 melloras obtidas e a súa cuantificación: 4 puntos
c. 3 melloras obtidas e a súa cuantificación: 6 puntos
d. 4 melloras obtidas e a súa cuantificación: 8 puntos
e. 5 melloras obtidas e a súa cuantificación: 10 puntos
5. Carácter innovador da entidade (ata 5 puntos)
a. 1 acción de innovación implantada: 1,5 puntos
b. 2 accións de innovación implantas: 3 puntos
c. 3 accións de innovación implantadas: 5 puntos
6. Accións de comunicación levadas a cabo para fomentar o turismo sostible e responsable entre turistas, empregadas e empregados, provedoras e provedores ou a comunidade local; entre elas: dispoñer dun sistema de información e sensibilización dirixido ás e aos clientes ou turistas sobre as boas prácticas de sostibilidade da entidade no que se lles solicite a súa colaboración para aplicar estas boas prácticas sempre que sexa posible; dispoñer dun sistema de información e sensibilización para as e os clientes ou turistas sobre boas prácticas de sostibilidade por parte destes durante a súa estancia no destino; o uso de criterios medioambientais nas compras (por exemplo, usar produtos químicos con etiqueta verde ou biodegradables, primar a compra de envases de cristal, cartón ou materiais reciclables, ou realizar compras a provedoras e provedores locais); ou informar a ou o cliente ou turista sobre as boas prácticas ambientais que pon en práctica; na medida en que sexa viable, esta información estará nun lugar visible: en paneis, folletos, carpetas, na páxina web ou nas redes sociais (ata 5 puntos)
a. 1 acción de comunicación levada a cabo: 1,5 puntos
b. 2 accións de comunicación levadas a cabo: 3 puntos
c. 3 accións de comunicación levadas a cabo: 5 puntos
7. Formación en materia de sostibilidade. Por exemplo: a participación en campañas de formación e información en materia de sostibilidade, entre outros (ata 10 puntos)
a. 1 acción de formación: 2 puntos
b. 2 accións de formación: 4 puntos
c. 3 accións de formación: 6 puntos
d. 4 accións de formación: 8 puntos
e. 5 accións de formación: 10 puntos
8. Colaboración ou participación en actividades ou proxectos que se organicen a nivel local, provincial ou autonómico en materia de sostibilidade por parte da Administración pública ou de entidades público-privadas (ata 10 puntos)
a. 1 colaboración ou participación: 2 puntos
b. 2 colaboracións ou participacións: 4 puntos
c. 3 colaboracións ou participacións: 6 puntos
d. 4 colaboracións ou participacións: 8 puntos
e. 5 colaboracións ou participacións: 10 puntos
9. Emprego e fomento de recursos locais na oferta de produtos e servizos. Por exemplo: o uso de recursos locais na oferta de produtos e servizos contando con provedoras e provedores locais; ou a demostración de que se fomenta o comercio e/ou a artesanía local informando as e os clientes sobre a oferta existente no destino entre outros (ata 10 puntos)
a. 1 acción de emprego e fomento de recursos locais na oferta de produtos e servizos: 2 puntos
b. 2 accións de emprego e fomento de recursos locais na oferta de produtos e servizos: 4 puntos
c. 3 accións de emprego e fomento de recursos locais na oferta de produtos e servizos: 6 puntos
d. 4 accións de emprego e fomento de recursos locais na oferta de produtos e servizos: 8 puntos
e. 5 accións de emprego e fomento de recursos locais na oferta de produtos e servizos: 10 puntos
10. Sistema de aforro ou mellora eficiente (auga, enerxía, xestión de residuos) cos que conta a entidade turística. Por exemplo: dispoñer de sistemas de enerxía renovable nas instalacións ou contratar empresas subministradoras de enerxía xerada por enerxías renovables; ter posto en práctica medidas de mellora da eficiencia enerxética ou de mellora do uso de recursos hídricos; contar con algún sistema de control de consumo de auga e enerxía cun rexistro de datos e indicadores de seguimento; ter instalados dispositivos de aforro ou mellora eficiente de auga ou enerxía; dispoñer dun sistema de clasificación, separación, segregación e reciclaxe de residuos adecuado para fomentar esta boa práctica entre as e os turistas; ter establecidos indicadores relacionados co seu comportamento ambiental (por exemplo, indicadores de consumos de auga, electricidade, gas etc., de xeración de residuos); ou identificar os principais impactos ambientais cuantificándoos, valorándoos e establecendo medidas para minimizalos, entre outros (ata 10 puntos)
a. 1 sistema de aforro ou mellora eficiente (auga, enerxía, xestión de residuos): 2 puntos
b. 2 sistemas de aforro ou melloras eficientes (auga, enerxía, xestión de residuos): 4 puntos
c. 3 sistemas de aforro ou melloras eficientes (auga, enerxía, xestión de residuos): 6 puntos
d. 4 sistemas de aforro ou melloras eficientes (auga, enerxía, xestión de residuos): 8 puntos
e. 5 sistemas de aforro ou melloras eficientes (auga, enerxía, xestión de residuos): 10 puntos
11. Dispoñer dun certificado ou distintivo en materia ambiental ou de sostibilidade en vigor. Por exemplo: ISO 14001, Carta de Turismo Sostible, distintivo S etc. (ata 10 puntos)
a. 1 certificado ou distintivo en vigor: 2,5 puntos
b. 2 certificados ou distintivos en vigor: 5 puntos
c. 3 certificados ou distintivos en vigor: 7,5 puntos
d. 4 certificados ou distintivos en vigor: 10 puntos
A Comisión de Valoración emitirá un informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.
En caso de empate, terán preferencia as solicitudes que acadasen maior puntuación nos seguintes apartados anteriores:
3. Aliñamento cos ODS da candidatura presentada.
10. Sistema de aforro ou mellora eficiente (auga, enerxía, xestión de residuos) cos que conta a entidade turística.
En caso de persistir, procederase ao desempate mediante sorteo.
Décimo segunda. Instrución e resolución do procedemento
A instrución do procedemento correspóndelle ao Servizo de Turismo, o cal realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución. As actividades de instrución comprenderán:
a) Solicitar cantos informes estime necesarios ou os que esixan as normas que regulan a subvención para resolver
b) Avaliar as solicitudes ou peticións, segundo os criterios de valoración
Unha vez avaliadas as solicitudes, a Comisión de Valoración emitirá un informe no que se concrete o resultado da avaliación que se efectuou.
A Comisión de Valoración é un órgano colexiado composto polos seguintes membros:
Presidencia A deputada delegada en materia de Turismo
Vogalía 4 técnicas ou técnicos de Turismo
Secretaría A xefa do Servizo de Turismo
A resolución do procedemento correspóndelle á Presidencia da Deputación de Pontevedra. O prazo máximo para resolver e notificarlles ás persoas interesadas a resolución do procedemento é de tres (3) meses, contados desde que se publique esta convocatoria. Transcorrido este prazo sen notificarlles a resolución ás persoas interesadas, entenderase desestimada a solicitude de concesión da subvención por silencio administrativo.
A resolución anunciarase durante a gala de turismo que organice a Deputación de Pontevedra no ano 2023. Esta publicarase no BOPPO despois do evento e terá efectos de notificación, de acordo co establecido no artigo 45 da LPACAP.
A resolución ponlle fin á vía administrativa. Contra ela, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditase, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 112 e 124 da LPACAP; ou ben, directamente un recurso contencioso administrativo ante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous (2) meses, establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Todo iso sen prexuízo de que poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen conveniente.
Décimo terceira. Dereitos das persoas premiadas
A obtención do premio habilita a persoa premiada a usar a imaxe deste mediante publicidade desa condición en cabeceiras, anuncios e memorias, así como en calquera outro soporte de comunicación en liña ou fóra de liña, nas mensaxes de correo electrónico, nas redes sociais ou en páxinas web propias. Deberase especificar a modalidade do premio obtido e o ano da súa concesión. Para os efectos do recollido neste parágrafo, Turismo Rías Baixas facilitaralles ás persoas premiadas a imaxe dos premios en formato dixital e o manual de uso desta. Do seguinte xeito, as persoas premiadas:
• Empregarán a imaxe do premio segundo o indicado no manual de uso desta
• Poderán publicar a devandita condición nos medios que estimen oportunos, coa garantía de que usarán de forma adecuada a imaxe do premio; do contrario, responsabilizaranse dos danos e das perdas que lle ocasionen á Deputación de Pontevedra
Décimo cuarta. Publicidade
Estas bases reguladoras e a resolución do procedemento publicaranse no BOPPO e na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal).
Décimo quinta. Protección de datos
Os datos persoais obtidos neste procedemento serán obxecto de tratamento pola Deputación de Pontevedra, en calidade de órgano responsable, coa finalidade de xestionar este procedemento, verificar os datos e os documentos que a persoa interesada declare na súa solicitude para comprobar a súa exactitude e levar a cabo todas as actuacións administrativas que, no seu caso, deriven.
A lexitimación para o tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha tarefa de interese público ou no exercicio de poderes públicos segundo as normas de rango legal recollidas no apartado “normativa aplicable” dispoñible na ficha de procedemento en https://sede.depo.gal.
Os datos persoais obtidos neste procedemento serán obxecto de comunicación ás administracións públicas no exercicio das súas propias competencias ou cando sexa necesario para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.
Antes e durante o evento, a Deputación de Pontevedra tomará fotografías e gravará imaxes. A Os seus datos e as súas imaxes publicaranse e utilizaranse durante o desenvolvemento do evento e en comunicacións posteriores, a través da páxina web de Turismo Rías Baixas e doutros medios dixitais.
Esta información pode facilitarse a entidades colaboradoras e patrocinadoras como consecuencia da xestión operativa dos premios.
Os servizos turísticos premiados dan o seu consentimento automaticamente, ao aceptar o premio, para que Turismo Rías Baixas e as súas colaboradoras e colaboradores usen a súa imaxe persoal e corporativa, xunto co seu nome completo, en calquera tipo de publicidade, promoción, publicación ou noutro medio de difusión, da natureza que sexa, con fins comerciais, informativos ou promocionais, sempre que exista relación cos Premios Turismo Sostible Provincia de Pontevedra.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, exercer outros dereitos ou revogar o consentimento segundo o previsto en https://depo.gal/proteccion-de-datos/exercicio-de-dereitos.