Manuais de boas prácticas sostibles
O crecemento da poboación, unido a unha revolución tecnolóxica sen precedentes, fai deste século XXI o momento chave que o planeta precisa para a toma de conciencia arredor dos recursos finitos e da xestión dunha economía global que beneficie todas as persoas por igual. Ante este novo paradigma, as administracións públicas coma a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas unen os seus esforzos para poñer a disposición de todos os axentes involucrados na xestión e gozo dun destino turístico as accións, medidas e ferramentas de protección medioambiental necesarias para que o territorio da provincia de Pontevedra sexa un espazo sostible para todos, competitivo e diferenciado. O turismo sostible implica non prexudicar o medio nin a sociedade, xa que desenvolve a súa actividade tratando de xerar o menor impacto posible. Por todo isto, entre as accións que a Deputación de Pontevedra pon a disposición do destino Rías Baixas están tres manuais de boas prácticas cuxos consellos e recomendacións se basean nos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible establecidos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, o Código Ético Mundial para o Turismo da Organización Mundial do Turismo e a Carta Mundial de Turismo Sostible ST+20.
O Manual de boas prácticas sostibles dirixido aos establecementos turísticos pretende orientar o empresariado e as e os profesionais de establecementos turísticos (hoteis, hostais, casas rurais, restaurantes, bares, cafeterías, empresas de turismo activo…) sobre melloras ambientais e sociais que permitan consolidar os seus establecementos, actividades e destinos como os máis sostibles posibles.
Co Manual de boas prácticas en sostibilidade para axencias de viaxes, oficinas de turismo e guías turísticos preténdese axudar a organizar viaxes que sexan unha experiencia enriquecedora e sostible, pois contén numerosas recomendacións para implantar unha política de sostibilidade á hora de traballar e ofrecer os seus servizos, que implican necesariamente un uso do territorio e dos seus recursos. Estas prácticas sostibles permiten manter un contorno ambiental, natural e patrimonial máis coidado e atractivo para as e os turistas e a poboación local, así coma a concienciación destes. As axencias de viaxes, as oficinas de turismo e as e os guías turísticos coinciden en que teñen o poder de poñer en valor aqueles servizos, lugares, tradicións ou produtos sostibles ou non.
O Manual de turismo responsable contén consellos e recomendacións para axudar a que as viaxes sexan unha experiencia enriquecedora ao tempo que sostible. As e os turistas teñen un impacto directo ou indirecto na sostibilidade económica, sociocultural e ambiental do lugar que visitan. O obxectivo do turismo responsable é que ese impacto non sexa negativo, ou menos negativo posible. Como son as boas e os bos viaxeiros? As e os que percorren e gozan dun destino coidándoo, sen deixar rastro, respectan a xente e as súas tradicións, valoran o auténtico de cada lugar, divírtense e ademais elixen servizos comprometidos coa sostibilidade e coa calidade turística. Son turistas responsables.