Fiestas en Rías Baixas

Ruta da Camelia

A flor que chegou do Oriente

Pazos, castelos, parques … A Ruta da Camelia descubrirache auténticos paraísos botánicos nas Rías Baixas. Esta flor procedente de Oriente, introducida na provincia de Pontevedra hai tres séculos, está presente en fermosos edificios históricos e xardíns públicos onde poderás gozar de miles de variedades con gran riqueza cromática.

As Rías Baixas son un inmenso xardín de camelias que ofrece a súa vistosidade na primavera, no outono e sobre todo no inverno, cando se produce a floración, acompañándonos en rúas, prazas, xardíns, pazos, castelos, mosteiros… Esta preciosa flor forma parte da historia e a cultura da provincia de Pontevedra. E é que os camelios son árbores ornamentais cuxa serena beleza sorprende a quen os contempla.

Orixinarias de Oriente , as camelias chegaron a Pontevedra no século XVII desde Portugal, adaptándose de forma extraordinaria grazas ás condicións de cultivo das Rías Baixas: chans acedos ben drenados con certo grao de humidade ambiental. Existen unhas 80 especies e 30.000 variedades diferentes, segundo tamaño, forma, cor, pétalos e follas, entre outras características. Contemplar de preto a delicadeza destas flores e atopar en cada unha delas esa beleza que resulta tan inspiradora e máxica é toda unha experiencia para os sentidos.

A Ruta da Camelia propón un percorrido por auténticos paraísos botánicos das Rías Baixas que permiten descubrir a quen o emprende impoñentes castelos, fermosos pazos e parques naturais.Catro destes recintos foron declarados Xardín de Excelencia Internacional en Camelia pola Sociedade Internacional da Camelia.

Castelo de Soutomaior

A flor de Oriente que asolaga de cor as paisaxes da provincia de Pontevedra é a protagonista indiscutible nos xardíns do maxestoso castelo de Soutomaior, a xoia do patrimonio fortificado das Rías Baixas. Este paraíso botánico recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional en Camelia desde 2012 foi o primeiro de España en obter tal distinción.

Máis de medio milleiro de camelias –entre as que destacan a Camellia japonica de maior perímetro de Galicia e a máis lonxeva do parque, do século XIX– florecen xunto a castiñeiros milenarios. Con eles presiden o espazo especies de árbores coma a araucaria de Neuquen, a secuoya, o ciprés dos pantanos, o Abies pinsapo, o ciprés de Monterrey e outras procedentes dos cinco continentes.

Camelia Soutomaior

Pazo de Rubianes

Un fermoso xardín de estilo francés dános a benvida a este histórico pazo da comarca do Salnés. Máis de 4.000 exemplares de camelia embelecen os xardíns de Excelencia Internacional desde 2014 do pazo de Rubianes (Vilagarcia de Arousa). Un dos tesouros botánicos que custodia a propiedade é un grupo de camelias do século XIX froito da doazón do duque de Caminha (Portugal). Camellia sasanqua , Camellia sinensis, Camellia reticulata e Camellia japonica son algunhas das especies que comparten reinado neste idilio botánico no que brillan durante a estación fría máis de 800 variedades.

O cultivo da especie nesta paraxe entende moito de paixón pola xardinería e de saber transmitido de xeración en xeración. A súa colección de camelias convive en perfecta harmonía con magnolios, calocedros, criptomerias, eucaliptos, alcanforeros, fresnos, araucarias, carballos ou sobreiras , facendo do lugar un parque botánico ideal para un paseo.

Pazo de Rubianes

Pazo Quinteiro da Cruz

Situado no corazón da comarca do Salnés, o pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia) atesoura xardíns de inspiración orixinariamente francesa onde ascamelias se contan por milleiros. Ao redor duns5.000 exemplares de máis de 1.500 variedades conviven neste enclave que conta coa distinción de Xardín de Excelencia Internacional desde o ano 2018.

Os seus xardíns, ao abrigo de viñedos de albariño e un bosque autóctono, albergan centos de exemplares de Camellia japonica , Camellia reticulata e Camellia sasanqua . Varios camiños que discorren por este paraíso botánico permiten a quen o visita pasear entre camelias e admirar a beleza desta elegante flor das Rías Baixas.

Pazo Quinteiro da Cruz

Pazo de Lourizán

Nos arredores da cidade de Pontevedra aséntase este magnífico exemplo de propiedade señorial de finais do século XIX. O pazo de Lourizán, actualmente dedicado á investigación e conservación forestal, alberga un xardín de grande envergadura e calidade, con especies botánicas singulares coma un olmo holandés, unha avenida de magnolias ou unha metasequoia que só se coñecía en forma de fósil.

Os camelios máis antigos da propiedade son exemplares deCamellia japonica que datan do século XIX e visten de cores este xardín, que conta con máis de 600 exemplares precisamente desta especie, de novembro a febreiro.

Pazo Quinteiro da Cruz

Pazo Quiñones de León

O pazo Quiñones de León ou pazo de Castrelos, en Vigo, está edificado sobre a antiga torre de Lavandeira (século XVII). Tras ser propiedade de diferentes familias, en 1924 foi doado ao pobo de Vigo. Neste marabilloso parque onde a botánica parece maxia distínguense unha roseiral, un xardín francés e outro de estilo inglés, entre outros sectores.

Ao abrigo do pazo atópase o exemplar deCamellia japonica coñecido como o matusalén das camelias pola súa antigüidade. Entre os impresionantes exemplares de camelia destaca tamén a sebe formada por diversos cultivares de Alba Plena, Bela Romana, Federici, Hagoromo, Herzilia II, Incarnata, Kellingtonia e Pomponia Portuensis, de Camellia japonica, entre outros.

Pazo Quiñones de León

Pazo Gandarón

Nos arredores de Pontevedra atópase este pazo construído polo arcebispo Malvar a finais do século XVIII. O pazo de Gandarón alberga desde 1928 a sede da Misión Biolóxica de Galicia. Fontes, estanques, un hórreo e unha capela forman parte da identidade deste fermoso lugar que soubo conservar o seu estilo orixinario.

As camelias máis antigas foron plantadas no século XIX por Jerónimo Malvar. Máis tarde, Cruz Gallástegui, fundador da Misión, aumentou a colección, e durante a última metade do século XX Antonio Odriozola contribuíu en gran medida ao cultivo e difusión da camelia. Entre as variedades do xardín destacan os especimes de Camellia japonica Fimbriata Alba, Xoán XXIII ou Prince Eugene Napoleon, que tantas veces paseou polas rúas de Pontevedra na lapela de Odriozola.

Pazo Gandarón

Pazo da Saleta

Outro dos xardíns de excelencia internacional en camelia da comarca do Salnés atopámolo na localidade de Meis, no pazo da Saleta. O patrimonio botánico que posúe é unha das coleccións privadas máis importantes de España, onde conviven especies autóctonas con outras chegadas de todos os continentes. Este xardín de inspiración inglesa forma parte de Les Belles Maisons, unha exclusiva selección de casas particulares.

Máis de 300 exemplares de camelia adornan os seus fermosos xardíns, onde florecen especies coma Camellia japonica , Camellia reticulata ou a Camellia x williamsii . Xunto á capela da Saleta, o pazo, o pombal, a carballeira, o estanque e a xungla australiana fan deste un dos xardíns máis especiais da provincia.

Pazo de A Saleta

Pazo de Oca

Coñecido como o versalles galego, o pazo de Oca (A Estrada) é o máis antigo dos pazos galegos. Dentro do conxunto distínguense a capela de San Antonio; o pazo, no que destaca unha impoñente torre con ameas e varios escudos; e os espectaculares xardíns, formados por un conxunto de sebes, balaustradas e pontes onde destacan dous grandes estanques que representan a virtude e a vaidade.

No seu xardín xeométrico crece un exemplar deCamellia reticulata Captain Rawes de intensa cor vermella que rolda os 170 anos e os 11 metros de altura, o que fai deste o exemplarmáis antigo e de maiores dimensións de España. Ademais desta gran xoia das camelias das Rías Baixas pódense apreciar centos de camelias de diferentes tamaños, especies e cores que espertan os sentidos de quen visita esta marabilla botánica.

Pazo de Oca

Parque de O Castro

Situado nun alto no centro da cidade de Vigo, oparque do Castro constitúe un excepcional xardín botánico cunha fermosa panorámica do porto e da ría. Conta con numerosas especies exóticas de gran tamaño e valor ornamental, ademais de vestixios dun xacemento castrexo que dá mostra de como foi a vida en Vigo nos séculos III e I a. n. e.

A súa colección de camelias decora o xardín. Distribuídas en diversas zonas, rodean o fermoso parque cun denominador común: a maioría destacan pola súa orixe portuguesa, como as variedades Dona Jane Andresen, Angelina Vieira ou Pomponia Estriata Portuensis, entre outras.

Parque de O Castro