O Salnés
O seu clima, as súas nobres paisaxes, as súas extensas praias, os seus mariscos de primeira calidade e a súa riqueza vitivinícola converten O Salnés nun destino excelente para activar todos os sentidos e vivir unha experiencia plena para o corpo e o espírito. Nun radio de poucos quilómetros pódese gozar dunha gran riqueza patrimonial, de importantes vestixios arqueolóxicos e dunha paisaxe chea de contrastes.
O Salnés vive mirando á ría de Arousa. Non se pode negar a natureza atlántica da comarca. Sanxenxo, O Grove, Illa da Toxa ou a praia da Lanzada constitúen os imprescindibles de calquera visita a esta fértil zona da provincia de Pontevedra. Ademais, as súas illas distínguense pola súa idiosincrasia única e albergan impresionantes paraxes naturais que permiten navegar entre augas tranquilas ou camiñar por bosques de loureiros únicos en Europa.
Se algo ten de especial este val é a forma de tratar os exquisitos produtos que lle proporciona o mar. A pesca artesanal, o marisqueo a pé, a poxa de peixe na lonxa e os mercados con xénero fresco e saboroso configuran un destino de incalculable valor gastronómico; todo isto mariñado cos albariños que se cultivan nesta importante zona xeográfica da Denominación de Orixe Rías Baixas. Os seus caldos teñen un irrefutable sabor a sal.
Os restos achados nos importantes xacementos arqueolóxicos do Salnés e pertencentes á Idade do Bronce confirman que foi habitada polo ser humano desde os tempos máis remotos.