Vigo
Entramos no corazón económico e social das Rías Baixas e unha das áreas máis dinámicas de Galicia en termos demográficos. A comarca de Vigo resulta moi atractiva pola súa perfecta combinación de espectaculares paisaxes, valiosos monumentos e centenarias tradicións que deixarán unha pegada indeleble na memoria de calquera visitante.
É unha comarca heteroxénea. A fusión entre o mar e a montaña convértena en destino idóneo para todos os gustos. O seu litoral regálanos un bo número de fermosas praias, pacíficas e recollidas, resgardadas das ondas pola protección da ría, pero tamén exhibe areais máis salvaxes e abertos á forza do océano, aptos para a práctica de deportes náuticos.
A cima dos montes do Galiñeiro, Aloia ou Penide debuxa o relevo da comarca e ofrece impresionantes vistas sobre as rías de Vigo, Baiona, Pontevedra e Arousa. De forma adicional, as ribeiras do río Verdugo ou do Miñor crean rutas interiores de grande interese ambiental.
E non podemos esquecer a cultura. A cidade de Vigo dispón dunha importante rede de museos e monumentos ao aire libre. A localidade de Baiona e o municipio de Redondela completan un rico patrimonio histórico e artístico. Mención especial merecen o castelo de Soutomaior e o seu Xardín de Excelencia Internacional en Camelia, así como a enigmática illa de San Simón, rodeada de lenda desde hai varios séculos. O broche de ouro a esta inesquecible experiencia póñeno as illas Cíes e a súa impresionante praia de Rodas, admirada en toda Europa.