Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - El turismo da un sobresaliente al destino Rías Baixas

O turismo dá un “sobresaínte” ao destino Rías Baixas

As viaxeiras e os viaxeiros alóxanse maioritariamente en hoteis, con estancia entre 4 e 7 días, veñen por recomendación das e os amigos e familiares, e infórmanse e reservan por Internet

La Presidenta de la Deputación de Pontevedra presenta los datos de turismo de agosto 2018

O destino Rías Baixas conta agora cunha completa enquisa sobre o comportamento de compra das persoas viaxeiras que pasan aquí as súas vacacións, elaborado entre xullo e agosto, e sae da proba con nota.

As persoas que participaron no estudo encargado por Turismo Rías Baixas, todas elas procedentes de fóra da provincia e que pasaron polo menos unha noite neste territorio, outorgaron un 4,69 de puntuación sobre un máximo de cinco.

O traballo achega interesantes datos sobre os motivos de visita e hábitos á hora de programar a estancia por parte das e os viaxeiros que chegan á provincia de Pontevedra. Os hoteis son o seu aloxamento favorito, a estancia media oscila entre 4 e 7 días, máis da metade veñen por recomendación, sobre todo das e os amigos e familiares, e a inmensa maioría infórmanse e fan as súas reservas a través de internet.

Gastronomía, natureza e praia son os principais motivos para visitar a provincia no verán, seguidos da cultura e o lecer

“Esta enquisa permítenos coñecer datos obxectivos cos que tomar decisións intelixentes no noso plan de promoción”, explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao dar conta do estudo. A maioría das persoas que participaron viñan ás Rías Baixas como destino principal das súas vacacións, e entre os motivos para visitar o destino destacan a gastronomía (63 %), a natureza (56 %) e as praias (51 %), seguidas da oferta cultural (30 %) e o lecer (25 %).

Reservas previas

Un de cada cinco visitantes fixo escala en cinco municipios, e un 16 % en catro, o que evidencia o dinamismo das viaxeiras e os viaxeiros no destino e o atractivo do territorio. Ademais o 87 % buscou información antes de realizar a viaxe, a inmensa maioría en webs, blogues, foros e redes sociais, e o 68% fíxoo tamén a medida que avanzaba a súa estancia, por estas canles e a través das e os profesionais dos aloxamentos nos que se hospedaron. O 78 % fixera algunha reserva antes de emprender o traxecto cara á provincia.

Carmela Silva resaltou que Internet é o medio a través do que as persoas viaxeiras infórmanse e xestionan a maior parte das súas compras e reservas, e apuntou para o efecto que “de aquí ao verán de 2019 a revolución que imos facer nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) é absoluta”. Así, avanzou que “o destino está a vivir importantes cambios no relativo ás TIC contemplados no Plan Estratéxico de Turismo da Deputación”.

Descarga los resultados de la encuesta sobre el comportamiento de compra destino Rías Baixas (PDF)