Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - As grandes festas e os 61 municipios, eixos da campaña turística da Deputación en 2019

As grandes festas e os 61 municipios, eixos da campaña turística da Deputación en 2019

Carmela Silva: “Queremos promover un turismo centrado en multiexperiencias a través da paisaxe, a historia, gastronomía, cultura e tradicións”

Festa do Albariño en Cambados

As Festas de Interese Turístico Nacional e Internacional serán o fío condutor da campaña turística 2019 da Deputación de Pontevedra, que arrincará en xaneiro en Fitur e promocionará a historia, cultura, paisaxe e patrimonio dos 61 municipios da provincia por igual. Así o expuxo onte a presidenta da institución, Carmela Silva, durante a reunión da Mesa de Turismo, ente que agrupa aos principais axentes do sector no destino Rías Baixas.

"O próximo ano queremos facer unha promoción na que os 61 concellos da provincia sexan os protagonistas", adiantou Carmela Silva. Neste ámbito, a presidenta explicou que entre o 23 e o 27 de xaneiro do 2019 celebrarase FITUR que marcará "o pistoletazo" de saída da promoción anual da provincia de Pontevedra, na que todos os concellos serán protagonistas. "Particularmente queremos que o eixo vertebrador sexan as festas de interese turístico nacional e internacional, que falan da nosa historia, da nosa cultura, da nosa paisaxe, das nosas tradicións, da nosa gastronomía e, por tanto, abordan un turismo centrado en multiexperiencias ", destacou a presidenta.

Actualmente existen cinco festas de Interese Turístico Internacional na provincia de Pontevedra. A Festa do Albariño recibiu a distinción en datas recentes e súmase á Rapa das Bestas de Sabucedo, as alfombras do Corpus Christi de Ponteareas, a Arribada de Baiona e a Romaría Viquinga de Catoira. Pola súa banda, teñen a categoría de Festas de Interese Nacional a Feira do Cocido de Lalín, a Festa da Lamprea de Arbo, a Festa do Marisco do Grove e a Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa.

Plan Estratéxico de Turismo

Arribada de Baiona

Ademais, Carmela Silva mostrou a súa satisfacción "porque nestes momentos temos xa iniciadas o 93 % das actuacións do Plan Estratéxico de Turismo ". Máis concretamente, a presidenta provincial adiantou que durante a reunión da Mesa explicouse o desenvolvemento das cinco liñas estratéxicas do plan que teñen que ver coa optimización, eficiencia e coordinación da xestión e gobernanza, coa estruturación da oferta orientada á demanda e a creación de produtos específicos, coa excelencia no destino e no sector a través de plans de competitividade e de profesionalización , co plan de promoción e co apoio á comercialización do destino provincia de Pontevedra.

Sistema de calidade SICTED

Durante a Mesa de Turismo tamén se abordaron cuestións relativas ao SICTED, o Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos que está a implantar a Deputación de Pontevedra. Silva destacou que "nestes momentos contamos con 224 empresas distinguidas e queremos seguir ampliando o número de entidades acreditadas co compromiso de calidade turística". Máis concretamente a presidenta provincial destacou que durante o ano 2017 o número de empresas distinguidas co SICTED "multiplicouse de maneira exponencial", sendo o ano desde a implantación do plan de calidade que conseguiu o maior número de adhesións.

Enoturismo

En canto aos compromisos acordados, todos eles por unanimidade e tras a participación do sector público e privado que se dá cita na Mesa do Turismo, impulsarase unha reunión especial para abordar cuestións ligadas á viticultura e ao enoturismo. "A idea é que todas as persoas que integran a mesa poidan achegar propostas e medidas para impulsar o enoturismo na provincia de Pontevedra, que atrae a cada vez un maior número de persoas", destacou a presidenta.

Etiquetas: portada